O Regueifeiro, a través do seu blog A Regueifa, está a publicar na rede anacos da gala de A polo ghit, o concurso convocado por Vieiros e a Radio Galega para seleccionar a canción galega do verán, e que a Televisión de Galicia emitiou o pasado xoves de madrugada. O concerto gravouse na discoteca LP45 de Ordes e estivo presentado por Belén Regueira, do programa Extrarradio, da emisora autonómica. Se non tiveches a posibilidade de ver o programa no seu momento, xa se atopan no YouTube as entrevistas e actuacións ao vivo de Projecto Mourente, O Leo i Arremecághona, Galegoz e The Homens. O resto da gala irase engadindo durante os vindeiros días. Neste vídeo, Belén Regueira entrevista a Carlos Valcárcel, artífice de Projecto Mourente.