Óscar Fernández, Roberto Grandal e Pulpiño Viascón forman Bonovo, un grupo que se autodefine como fusionfolkfunkelectroacústico e que mestura os sons da zanfona electrónica de Fernández, o acordeón midi de Grandal e o serrón e a voz de Viascón, ademais doutros instrumentos e efectos sonoros. A súa presentación mundial en vivo terá lugar o venres ás once da noite na sala DZine de San Sadurniño. O mesmo día, o polémico grupo vasco Soziedad Alkohólika chega á compostelá Sala Capitol, que o sábado ás dez e media estarán na Sala A!, de Vigo, acompañados de Soak.
O venres 15, a partir das oito e media do serán, comeza na casa da cultura Pintor Lloréns de Sada os Acústicos de Aula Rock, coas actuacións de Álvaro Muras, Los Elegidos, Fiumichino, Stereotipos, Luís Moro e La Banda de los Denunciados, entre outros, e presentado por Nonito Pereira. Na praza maior de Ourense, a partir das nove, comezará un festival de hip-hop. Na Coruña, CatPeople e The Blows darán ás dez un concerto na sala Mardi Gras. Mentres, en Vigo, Kunta K, Costa e Romo y Grove subirán ao escenario da Coliseum, e Tachenko á Fábrica de Chocolate.
Moon Cresta prosegue a súa xira o venres na sala Karma de Pontevedra e o sábado no Rock Club de Ourense. Los Tigres del Cañotas, a medianoite do 15 tocarán no pub Micos, de Cariño, mentres Tío James fará o mesmo no melidense Pub Gatos. Completan a axenda do venres The Preachers of Rock & Roll, no Jazz Café Night and Day de Pontevedra; The Cads, na sala Moby Dick de Sada e 96 Grados, o 15 no Pub Yagos de Mondariz Balneario e o 16 na cervexería Churrasco Exprés do compostelán polígono do Tambre.
O prato forte do sábado son os míticos Barón Rojo, que ofrecen un concerto para os seus numerosos seguidores na Capitol de Santiago. A mesma noite, na mesma cidade, estarán no mercado de Amio os cántabros La Fuga, cos composteláns Conflicto de abreconcertos, para celebrar o décimo aniversario do programa Estudio 3, da Radio Galega. The Highlights comezan xira na coruñesa La Silla Colorada, ás dez e media. Na cidade herculina tamén tocarán, na Mardi Gras, The Boogie Punkers e Ultracuerpos, a partir das dez.
A Sala Ardora, de Porto do Son, continúa co seu concurso Musicódromo, coa participación ás once e media do grupo Tirso. Na sala Mogay de Chantada estará A Pedir de Milkhouse, mentres que Álvaro Muras tocará no Pub Leblon de Pontecaldelas. Fredy Fevereiro actuará no teatro da Beneficencia de Ortigueira, presentando 'Desde que a samba é samba'. The Preachers of Rock & Roll desprazaranse ata a Casa Parroquial de Tomiño, ás once e media da noite.
Tamén o sábado á noite, Habeas Corpus e Nao tocarán na sala DZine de San Sadurniño. CatPeople chegan a La Iguana Club, e Gustavo Almeida e Brasilian Night á Fábrica de Chocolate de Vigo. Na pontevedresa Sala Karma, ás dez e media, estarán Debuxos Reanimados. A fin de semana péchana Ruxe Ruxe e Zënzar, que tocan o domingo na sala Aturuxo, de Bueu.