Diana Varela Puñal, avogada cormelá de 25 anos que desenvolve a súa profesión na Coruña, acaba de gañar dous importantes premios de poesía galega: en outubro foi a vencedora do Díaz Xácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo e dotado con 1.500 euros, coa obra Afirmación en nove cantos, e agora, en decembro, gañou o Uxío Novoneyra, convocado polo Concello das Pontes, cun premio de 5.000 euros, presentando Xardín de palabras. O repentino éxito desta creadora colleu de sorpresa o mundo da cultura galega, pois, até agora, non se coñecía a obra de Diana Varela.
Vieiros: Esperaba gañar estes dous premios?
Diana Varela: Non, non o esperaba. Colleume de sorpresa. Era o primeiro ano que mandaba parte do meu poemario a un certame e non esperaba que fose gañar os dous premios.
V: Como reaccionou o seu círculo de amigos e a súa familia ao coñecer que gañara os premios?
R: Foi unha sorpresa grandísima e tamén unha enorme ilusión. A xente que me coñece de sempre sabe cal é a vital importancia que ten para min a poesía.
V: Canto tempo leva escribindo?
R: Levo escribindo dende hai moitos anos. Como case todo o mundo, dende moi nova. A nivel escolar, escribo dende sempre, pero nunca fixera nada máis en serio ou conscientemente até agora.
V: Cales son os temas que trata a súa obra?
R: Este poemario xira en torno a tres eixes, ou polo menos iso é o que me dá a impresión a min, porque me resulta difícil falar da miña propia obra. Dáme a sensación de que trato moito a autopoética, tamén o amor e o desamor e por último a infancia, como parte dun proceso que desemboca, así mesmo, na autopoética. Os tres eixes están intimamente relacionados.
V: Vai seguir publicando poesía?
R: Si, seguirei traballando, que é do que se trata. A poesía non é algo que se decide comezar ou rematar. A obra vaise publicar porque unha parte do premio era precisamente esa, a publicación do traballo gañador.