Sumrrá, Kin García Trío, Perico Sambeat sexteto, Baldo Martínez quinteto, Improvía, a Orquestra de Jazz de Matosinhos, Telegraph Vadis, Carlos López Quartet, Acuña's Quartet e Cuchús Pimentel con Serafín Carballo integran o impresionante cartel do Iberojazz que ha percorrer seis salas coruñesas dende o 11 ao 25 de xaneiro. Este festival, organizado por Producións A Tempo e o Concello da Coruña, conta coa dirección artística de Alberto Conde, e nel colaboran o Forum Metropolitano, o Teatro Rosalía de Castro, a
Agamujazz, o Club Filloa, a Bodega JazzVides e o Pub Garufa.
"Estamos a comprobar como un bo número de jazzistas galegos, en liña coas correntes ibéricas e europeas, están achegando ao Jazz sinais de identidade que esta música leva inscrita nos seus xens dende as súas orixes: world jazz, etno jazz ou jazz con raíz, e jazz europeo, e que representan unha gran parte das estéticas mais visíbeis do jazz actual", contan dende a organización. O Iberojazz naceu para dar cabida e pulo aos proxectos galegos xunto ás propostas do resto do Estado. Este ano é xa un festival de referencia, e celébrase na cidade jazzística por excelencia en Galiza: A Coruña. Cinco escenarios (Forúm Metropolitano, Teatro Rosalía de Castro, Club Filloa, Club JazzVides, Pub Garufa) para que o jazz contemporáneo se fusione con sons mediterráneos, europeos, de vangarda, galegos, lusos... Un total de 12 espectáculos, de procedenzas galega, valenciano-catalá e lusa encherán a programación desta edición ao longo de dúas semanas.
Este xoves 11 ás nove, o Forum acolle o concerto de Sumrrá, nados no verán do 2001, como resultado dunha serie de contactos dos seus compoñentes en numerosas jam sessions. Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez, e Luis Alberto Rodríguez integran esta banda, que gravou o seu primeiro disco no 2002 e acaba de sacar o segundo, 2. Ao día seguinte, o mesmo Forum á mesma hora acolle ao Kin García Trío, que lanzou o seu debut na primavera do 2006: O lobo morde a man. Kin García (baixo) lidera este trío, logo de moitas valiosas colaboracións con Alberto Conde, Jesús Pimentel, Fernando Llorca, Tom Guyon, Tom Harret, Billy Pierce, John Smith, Tony Lazan, Uxía, Dulce Pontes,Marcos Teira, Espíritu 986, Capercaillie, José Afonso, Filipa Pais, Susana Seivane, Nani García, Carmen Rey e Berrogüetto. Completan a formación Andrés Rivas (batería) e o pianista Gabriel Evens.
O xoves 18 estará no Forum Perico Sambeat Sexteto. O seu líder aprendeu a tocar o saxo en 1980, e marcha a Barcelona no 82, onde remata os seus estudos clásicos de frauta e entra no Taller de Musicos da cidade a estudar harmonía e arranxos con Zé Eduardo. No 91 toca en Nova York con artistas como Lee Konitz, Jimmy Cobb, Joe Chambers... Traballou profesionalmente con Steve Lacy, Daniel Humair, Michael Brecker, Bob Mintzer, Pat Metheny, Maria Schneider etc. No seu último traballo discográfico Ziribuye, deulle forma a un traballo que vincula a tradición co presente, acompañado por unha banda xove, fresca e divertida, que presentan con rigor a tradición aínda que reinventando o seu son en cada nota. Con Perico integan o grupo Toni Belenger, trombón, o pianista Albert Sanz, Tom Warburton ao contrabaixo, o trompetista Idafe Pérez, e o batería Ramón Prats. Ao día seguinte estará no Forum o quinteto do contrabaixista Baldo Martínez, con Tusitala, o seu último traballo discográfico que toma o nome ou alcume que os samoanos lle puxeran a Robert Louis Stevenson: "o contador de historias". Con el están o trompetista David Herrington, o violinista Eduardo Ortega, o guitarrista Antonio Bravo, e Pedro López á batería
Na última semana do Iberojazz, o Teatro Rosalía será escenario, o xoves 25, da Orquestra de Jazz de Matosinhos, dirixida por Carlos Azevedo e Pedro Guedes con Mário Laginha como artista convidado. A construción do seu repertorio iniciouse hai media duzia de anos a partir dun proxecto desenvolvido co apoio da Sociedade Porto 2001.
Mário Laginha, Bernardo Sassetti, Pedro Moreira, Laurent Filipe, Paulo Perfeito, António Pinho Vargas, Zé Eduardo, Carlos Azevedo, Claus Nymark e Tomás Pimentel integran o grupo de músicos que xa compuxeron para a OJM.
E polos pubs...
Ademais, paralelamente, os pubs da cidade participan tamén deste festival. O xoves 11 esatrá Javier Constenla co seu Improvía Trío no Club Filloa. O repertorio está composto por composicións escritas polo líder do grupo, entre as que figuran estilos como a balada, o funk ou mesmo o arranxo dunha pandeirada. Ademais de Javier Constenla ao piano e teclados, temos a Quique Alvarado co baixo eléctrico e a Miguel Cabana coa percusión. O venres 12, na Bodega Jazz Vides ás once e media, o grupo de jazz-fusión Telegraph Vadis amosa o seu estilo, que vai dende o latin máis puro e suxestivo até o jazz rock contemporáneo entre moitas outras variedades estilísticas.
O xoves 18 ás once, o Garufa acolle o Carlos López Quartet, no que este batería está acompañado polo trompetista Voro García, o pianista Oscar Marcelino da Graça e o contrabaxista Kin García. O venres 19, a Jazz Vides acolle ás once e media ao Acuña’s Quartet, co guitarrista José Acuña, Angélica Nistal ao piano, Antonio López co contrabaixo, e Naima Acuña á batería. E por último, o xoves 25, ás once, no Filloa, estarán Cuchús Pimentel e Serafín Carballo, coa súa mestura de jazz e flamenco na liña de Django Reinhardt, Larry Coryell, Ralph Towner... Cuchús Pimentel xa ten subido a numerosos escenarios de España, Europa, Marrocos, Xapón e México e, como artista flamenco, colaborou con Tony Maya, Angel Gabarre, Paco del Pozo, Canito... En xuño de 1995 obtén a distinción Demo of the Year da famosa revista norteamericana Guitar Player. Serafín Carballo participou no festival de Jazz de Copenhague e compartiu escenario con Dave Liebman, Jean-François Jenny-Clarke, Jeff Harrington etc.