Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A FUNDACIÓN SON DE SEU EDITA O LIBRO BRANCO DA EDUCACIÓN MUSICAL

Tres de cada catro profesores de música tradicional traballan sen contrato

Case tres cuartos dos profesores de música tradicional traballan sen contrato. Este e outros datos achéganolos a Fundación Son de Seu no Libro Branco da Educación en Música Tradicional. O proxecto nacera en outubro do 2005: a fundación serviu como ferramenta útil para abordar, dende un punto de vista o máis obxectivo posíbel e cunha perspectiva científica e aberta, o estudo da realidade da música tradicional en Galiza e os seus derivados. Queríase facer un estudo dende todos os ámbitos profesionais posíbeis: edición, actividade escénica, artesanía musical, presenza mediática, presenza institucional, mecenado e, finalmente, o ensino. Neste eido tíñano doado: boa parte do Padroado integraron o profesorado do antigo Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, hoxe Departamento de Música Tradicional e Folk da Escola Municipal de Artes e Oficios.

- 10:45 08/01/2007
Tags:

Entre marzo e xullo do 2006 fixéronselle enquisas a 638 profesores de música tradicional. Estímase que o total en Galiza é dunhas 700 persoas, así que foi entervistado o 90% deste eido profesional. Nos resultados, vemos que o profesorado habita sobre todo nas provincias costeiras (Pontevedra, 40'9%, e A Coruña, 32'4%), e, entre as cidades, hai especial concentración en Vigo. Son maioritariamente homes (case nun 60%), e xente nova (máis dun terzo ten entre 26 e 33 anos), cun nivel de estudos medio alto (a maioría ten o bacharelato, e hai tamén un gran grupo de licenciados e diplomados).

A formación músical, case na metade dos casos, vén dunha asociación cultural. A seguir, o carácter autodidacta (nun 20%) é outra vía de coñecemento. Dende logo, queda claro que son xente experimentada: case a metade leva máis de dez anos como docente de música tradicional. Tamén cabe salientar que algo máis da metade leva adiante unha soa actividade, e, o máis importante, un 72% traballa sen contrato. Un 14% teno de carácter eventual, e hai tamén un 4% contratos temporais e por obra. Só o 2% ten un contrato indefinido, e nunha porcentaxe semellante teñen praza pública. De feito, case todos traballan á parte, en actividades formativas relacionadas coa música máis da metade. Dedican menos de catro horas semanais á actividade docente (nun 75%) e un 63% cobran menos de 200 €.

O Libro Branco aborda outros aspectos, como os centros de ensino nos que se imparten as actividades, as condicións nas que se dán... As máis recorrentes son baile, canto, gaita e percusión. Poden consultar no propio Libro Branco, nos anexos.


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: