A asociación Ponte nas Ondas convoca unha nova actividade para máis de cincuenta centros educativos galegos e do norte de Portugal: o I Certame de Recolla da Tradición Oral, en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Direcção Regional de Educação do Norte. O premio fallarase no mes de maio.
A asociación Ponte nas Ondas prevé outras actividades. Xa durante marzo, os narradores orais Cándido Pazó, Avelino González, Anxo Moure, Celso Sanmartín ou Fátima Fernández impartirán varias sesións didácticas sobre a tradición oral galego-portuguesa. Transmitiranlle ao alumnado as técnicas e os recursos dos contos e das narracións tradicionais, o léxico, os temas e os seus rexistros: Cándido Pazó realizará unha sesión interactiva para achegarlle aos máis novos as historias e lendas da tradición oral; Avelino González transmitirá toda a forza das lendas do Camiño de Santiago portugués e as historias xeradas a partir desta peregrinaxe; Anxo Moure, contador, ecoloxista e fundador de Bicis pola Paz, abordará os aspectos e valores máis universais da tradición oral como a solidariedade, a paz ou o respecto polo medio ambiente. E Celso Sanmartín, "Celsiño", narrador lalinense especializado na contística tradicional introducirá ao alumnado nos contextos e formas das historias da oralidade. Fátima Fernández introducirá aos máis novos nos personaxes e nos mundos das narracións tradicionais.
Ademais, o sábado 3 de marzo terá lugar unha xornada de formación destinada ao profesorado galego sobre a tradición oral e as súas manifestacións na sede do Museo Pedagóxico de Galicia. Impartida por Antonio Reigosa, escritor e investigador, creador da web Galicia Encantada e por Xosé Miranda, escritor e investigador da tradición oral, autor entre outras obras da serie Cabalo Buligán de literatura de tradición oral, a asistencia é aberta até completar aforo. O programa é o que segue: