'Nube de seda na lúa' é o suxestivo título do relato que lle valeu o IX Premio Ánxel Fole de Narrativa, convocado polo Concello de Lugo. Na modalidade do premio en castelán, a obra premiada foi 'Ela, claro, como é tan simple', de Jaume Calatayud Ventura. Este ano presentáronse ao concurso de narración curta 43 obras en galego e 50 en castelán.
Ánxel Fole segundo Maside
Xosé Luís Vázquez Somoza, de Guntín, xa obtivera o premio Manuel Murguía na súa IX edición, co relato 'A fervenza',e o accésit do XXX Pedrón de Ouro con 'Río do esquecemento'. Coordina ademais o equipo de normalización lingüística do IES Lucus Augusti de Lugo. O segundo premio nesta modalidade foi para Ramón Noche Fraga, de Vilalba, pola obra 'Un tinteiro no ceo de inverno'. Tamén profesor de secundaria (de Historia no IES de Foz), xa gañara o segundo premio de poesía Díaz Jácome, da última edición (na que foi primeira Diana Varela), con 'O mar ausente'.
Na categoría de castelán obtivo o primeiro premio o tarraconense Jaume Calatayud Ventura, que xa ten tras de si varios premios literarios en Cataluña, pola obra titulada 'Ela, claro, como é tan simple', mentres que o segundo premio recaeu no cordobés Manuel Terrín Benavides, de Albacete, polo relato 'Rapaza bela na escuridade'.
Este certame de narrativa curta está dotado, en cada unha das modalidades, con dous premios de 900 euros e outros dous de 450. Estes catro relatos gañadores serán publicados, co fin, segundo se informa dende o Concello de Lugo, de "darlle maior distribución ás obras".