Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Chega o Plan da Igualdade

Haberá axudas para que as mulleres que deixaron os estudos poidan retomalos

Un xulgado específico para tratar a violencia de xénero en cada unha das sete cidades, campañas de formación e apoio para a volta aos estudos son algunhas das medidas máis salientábeis do Plan de Igualdade.

Redacción - 18:53 08/03/2007
Tags: muller
Emilio Pérez Touriño

Emilio Pérez Touriño

O V Plan do Goberno galego para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2007-2010, elaborado pola Secretaría Xeral de Igualdade de Vicepresidencia, recolle catro liñas estratéxicas, 24 obxectivos específicos e 238 propostas de acción. A perspectiva global segue a liña do mainstreaming, ou políticas transversais (que impliquen a todos os departamentos do Executivo).

No acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, este xoves 8 de marzo ás 11.30, foron introducidos parte dos contidos: a liña de acción que ten que ver coa abordaxe integral da violencia de xénero é a máis contundente, con 73 medidas: entre elas, prevese crear, en tres anos, un xulgado exclusivo de violencia de xénero para cada unha das sete cidades. Existe xa un xulgado especializado en Vigo, e prevense outros seis. Outros compromisos adquiridos son a presentación anual, perante o Parlamento, dun informe de situación; a creación do distintivo 'Entidade comprometida coa erradicación da violencia de xénero', e estratexias de acción positiva para posibilitar o acceso das vítimas ao mercado laboral.

Acceso aos recursos e á participación

Outra das liñas estratéxicas son a participación e empoderamento das mulleres (para a cal se adquire o compromiso de aumentar a presenza e participación activa das mulleres nos órganos e espazos de consulta, de participación e de toma de decisións, e se fan visíbeis no espazo público mediante a toponimia: hai pouco publicabamos que menos dun 20 % dos colexios galegos nomeados cun antropónimo teñen nome feminino.

En segundo lugar, o acceso das mulleres á información e aos recursos agrupa 71 medidas: unha orzamentación sensíbel ao xénero, campañas de información e difusión... E por último, unha estratexia de formación en igualdade de oportunidades, que se desenvolverá a través de 16 actuacións centradas no ámbito da formación. Anxo Quintana anunciou durante o acto que o DOG de hoxe anuncia unha liña de axudas para apoiar a volta ao proceso educativo de mulleres que o tivesen abandonado. O vicepresidente lembrou tamén que, en colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, está prevista a creación de once equipos de igualdade e once de educación familiar, que traballarán en rede no territorio galego.

Pola súa banda, o presidente adiantou que o próximo 13 de marzo será presentada no Parlamento a Lei de Traballo en Igualdade. Tamén a Lei Integral Galega contra a Violencia de Xénero chegará este mes á Cámara. Pérez Touriño lembrou tamén que o Acordo Social polo Emprego fixa 225 millóns para incentivar a contratación, estabilidade e calidade do traballo en igualdade de oportunidades das mulleres.

Os nomes, as caras, as vidas

Ademais, durante o acto foi presentado o Dicionario de mulleres galegas por parte da súa directora: Aurora Marco, doutora pola USC e Catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galegas, reuniu en case 2.000 entradas os nomes, biografías e, cando foi posíbel, imaxes, das mulleres que fixeron Historia en Galiza, até 1975: deportistas, artistas, literatas, músicas e profesionais das artes escénicas; as primeiras concelleiras, que serían represaliadas en moitos casos polo franquismo; as comerciantes e financeiras, como María Figueroa, que xa no Medievo exportaba peixe a Andalucía e tecidos a Inglaterra ou Flandes; as figuras femininas deostadas polo patriarcado, como a das soldadeiras, xograresas que acompañaban aos trobadores, ou as menciñeiras dos séculos XVI e XVII, en moitas ocasións queimadas na fogueira da Inquisición... E incluso casos de mulleres ás que Historia deixou sen nome, como a impresora dun obradoiro tipográfico de Compostela do século XIX da que o único nome que coñecemos é "viúva de Núñez".


Ligazóns

3/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: