A sala compostelá volve amosar todas as caras da cultura e do espectáculo no cartel previsto para os meses da primavera.
A sala
Nasa de Compostela xa ten deseñada a programación para os próximos dous meses. Abril ábreo o grupo Bacana, que estrea a comedia musical
Hendaya mon amour ás oito e media. César Goldi e Xulio Abonjo representan a historia de amor-odio entre Adolfo de Hit e Francisco Frango.
Despois dun descanso na Semana Santa, a seguinte cita será a cuarta feira 11 de abril, ás dez da noite. A cultura contemporánea do Barbanza terá o seu espazo coa presentación do proxecto boirense
Leñaverde. Haberá proxeccións, poesía, sesión de picadiscos e a actuación do grupo
Triángulo de Amor Bizarro.
O xoves 12, triple ración de música do país:
Bang 74,
Boy Elliott e
Quant participarán, tamén ás dez, no concerto espacial do mes e, o venres 13 terán lugar, a partir das nove e media, XA (Xuntanza Antiprohibicionista), organiza unha xornada durante a que tocarán
Ruxe-Ruxe, Tres Trebóns e Markinhos Drinkin.
O hip-hop chegará á Nasa o sábado 14 coa sesión que darán os DJs Vinilo Keepers. O grupo fórmano DJ Karmasound, de Lugo; DJ Limbo, de Vigo, e DJ Kaze, de Santiago. Será a partir das nove e media.
A semana seguinte, o grupo galego-catalán El retrete de Dorian Gray, formado por Marcos PTT e Ezra Moreno, representará
Blazek, espectáculo que se desenvolve dentro dun iglú de sete metros de diámetro. Só poderán presenciar cada pase corenta persoas. As sesións repetiranse de mércores a venres ás dez da noite e o sábado 21 ás nove e ás once. Para rematar o mes, as sesións vibracionais chegarán o martes 24 ás nove e media e do xoves ao sábado ás once, neste caso co cabaré colectivo GAL.
Mes de maio O quinto mes do ano iniciarao Pisando Ovos. O grupo de danza, formado por David Loira e Rut Balbis, levará ao escenario da sala compostelá
N8 OHX. Poderase ver do xoves 3 ao sábado 5 ás dez da noite e o domingo 6 ás oito e media do serán. O martes 8, ás nove e media, dentro do proxecto Zinasa exhibirase a curtametraxe
Cartoons, dirixida por Giselle Llanio. Ademais da proxección, soará música en directo e servirá de punto de encontro para os máis novos talentos do audiovisual galego.
A semana do 10 ao 13 Bora Teatro vai representar a obra
Ataúdes de cinc. A compañía galega estreará unha montaxe protagonizada por Ursia Gago, Rebeca Montero e María Bouzas, adaptación dun texto da escritora bielorrusa Svetlana Alexievitch sobre a guerra de Afganistán. As funcións serán do xoves ao sábado ás dez e o domingo ás oito e media.
The Homens,
Los Ruines e
Projecto Mourente estarán no concerto Rock en Costa 07, que organiza a asociación cultural Xurásica. A primeira actuación comezará ás dez da noite o mércores 16. O obxectivo principal do festival é crear unha cita anual de encontro de bandas galegas e portuguesas de rock’n’roll e, asemade, dinamizar o barrio do Castiñeiriño.
Para o venres 18, ás dez, haberá que rescatar do fondo do armario as mellores galas para asistir á festa hortera de
Radio Kalimera. O undécimo festival da canción española e estranxeira será unha cita ineludíbel para liberar o lado charramangueiro que todos levamos dentro. E o sábado 19, tamén a partir das dez, novo concerto espacial: estarán
Mega Purple Sex Toy Kit e
Donatore di Groove.
A seguinte semana, Nut Teatro representará Corpos disidentes, do mércores 23 ao sábado 26 ás dez da noite. O martes 29, ás nove e media, será a quenda das sesións vibracionais de maio. Para completar o mes, máis teatro: Yepeto, de Teatro del Andamio, o xoves 31 ás dez.