Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTRÉASE 'DE PROFUNDIS', A LONGAMETRAXE DE MIGUELANXO PRADO

Hai unha casa no fondo do mar...

Está todo preparado para que o Pazo da Ópera da Coruña acolla esta noite a agardada estrea da película De Profundis, unha arriscada proposta de animación que nos trae Miguelanxo Prado coa música de Nani García e a produción de Continental. A Orquestra Sinfónica de Galiza, dirixida por Rubén Gimeno, interpretará en directo a banda sonora destea longametraxe, que ten na súa partitura unha das protagotagonistas, xa que non ten voz, xunto coas pinturas ao óleo de Prado, nunha viaxe polo fondo do mar que promete darlles aos privilexiados asistentes á estrea unha experiencia única.

- 16:53 18/10/2006
Tags:

Outros moitos terán que agardar a vela cando se estree comercialmente nas salas comerciais ou en DVD. Sendo esta unha película adaptada varios tipos de formatos, o gran formato e a orquestra en directo lucen espectaculares á hora de gozar desta cinta, que promete unha longa carreira de distribución internacional e festivais, sen descartar a posibilidade do Óscar de animación. Tanto o equipo de Continental como o de Desembarco Films -a produtora creada para a ocasión por Miguelanxo Prado- e Nani García apostaron ao máis alto para competir internacionalmente no mercado da animación de autor, no que aínda hai moitos camiños por explorar. Non se trata dunha película comercial, e aínda que conta cun punto de partida arriscado para o gran público -a ausencia de diálogos e o concepto de "poema visual"- contaba xa de partida cunha gran vantaxe, que é a carreira de Miguelanxo Prado como un dos debuxantes máis respectados no ámbito internacional.

Serán moitos os fans que Prado ten arredor de todo o mundo os que gocen con esta película, pero o debuxante coruñés quixo ir máis alá, facendo unha homenaxe ao pictoricismo do óleo como soporte para unha metáfora visual que nos leva polas profundidades do mar, con todos os elementos propios da literatura mariña.

A película comeza cunha casa no medio do mar ateigada de obxectos relacionados co mar e a navegación, e planos e deseños dun barco soñado por un pintor. A muller que a el o ama toca o violoncello na terraza frente ao mar. A música convoca un fato de grandes cetáceos que se aproximan á casa. No entanto, o pintor vai de mariñeiro nun pesqueiro. Cando se desencadea unha treboada e unha onda xigantesca afunde a embarcación, a muller, na soidade da casa, intúe e presaxia a traxedia...

Para os que non poidan acudir nin o mércores nin o xoves aos pases que hai previstos de De Profundis, propoñemos unha primeira mergulladura na súa web, na que se pode ver un trailer da película.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: