O actor Carlos Blanco chega este venres 26 ao Bar Liceum, no Porriño, onde ofrecerá, un ano máis, os seus contos e monólogos. O artista vilagarcián, cunha ampla traxectoria no teatro, o cine, a radio e a televisión, iniciará o seu espectáculo narrativo arredor das once da noite, abrindo así unha nova etapa na programación da sala porriñesa. A seguinte semana, o venres 2 de febreiro, estará a Mr Dixie Jazz Band, formación coruñesa que interpretará o seu jazz con raíces afroamericanas, e o sábado 3, a agrupación Tangata deleitará o público con tangos.
O venres 9 estarán no Porriño Lilian França e Sérgio Tannus cos seus Sons do Brasil. Acompañaranos Uxía e outros músicos galegos. Unha semana despois será a quenda do rock galego dos Ruxe-Ruxe. A programación de febreiro complétaa unha sesión de regueifas, o venres 23, con Pinto d'Herbón, Luís O Caruncho e Benito Lobariñas. Todos os concertos do Bar Liceum comezarán ás once da noite, e os socios da sala teñen descontos nas entradas.