Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'PSICOPATOLOXÍA DO RETORNO' LEVA O PREMIO DE ENSAIO

Un estudo psiquiátrico sobre os emigrantes retornados gaña o Ramón Piñeiro

Dous médicos novos e especializados en psiquiatría abordan na súa obra un tema fondamente relacionado coa nosa cultura, dende unha perspectiva científica ben orixinal: que sente unha persoa que volve á terra despois de vivir na emigración? Baseándose no relato autobiográfico de varias persoas, influído por guións culturais, Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo mereceron o galardón que outorga a Editorial Galaxia co patrocinio de Unión Fenosa. Nesta VI edición do Ramón Piñeiro de ensaio, o xurado estivo composto por Benxamín Casal, Susana Reboreda, Ramón Villares, Víctor F. Freixanes e Carlos Lema como secretario.

- 09:57 12/02/2007
Tags:

Este xurado destacou a orixinalidade da perspectiva, e a importancia de abrir o xénero do ensaio a outros campos do saber como a medicina e a psiquiatría. Os autores de Psicopatoloxía do retorno destacan a importancia social dos emigrantes que volven: "Moitos dos nosos emigrantes teñen a sensación de que sobran, de que non hai lugar para eles. Pensamos que están trabucados. Afeitos como están a gañar o pan en situacións de libre competencia, valoran os méritos e o esforzo persoal máis que cousa ningunha, ese é o cerne da súa identidade. Unha identidade allea á nacenza, construída a pulso. O retorno é un fenómeno silandeiro, debe deixar de selo. Temos que escoitar atentamente, porque a carón de nós, hai xente que fala con acento de Berna ou de Bos Aires, xente que aprendeu moitas cousas importantes para este país, e que merecen que o aproveitemos".

Alexandre García-Caballero, nado en Vigo no 72, é especialista en psiquiatría e Doutor en Medicina. Ten escrito varios artigos internacionais sobre avaliación cognitiva e outros temas relacionados coa saúde mental. Exerce a súa profesión no Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Ourense, e na actualidade é secretario da Asociación Galega de Saúde Mental e colabora coa Universidade de Vigo e de Santiago na docencia de terceiro ciclo.

Ramón Area Carracedo (Ourense, 1969) é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago, fixo a especialidade en psiquiatría na cátedra do Profesor Rodríguez. Traballa na sanidade pública no Servizo de Psiquiatría do Hospital Xeral-Calde, en Lugo. É autor de varios libros e numerosos artigos sobre diversos trastornos mentais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: