Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'SEMPRE AO LONXE'

Regresa a programación da Nasa con Mofa e Befa

A actuación da Banda Baliza o pasado venres foi o foguete de apertura da nova temporada da Nave de Servizos Artísticos por excelencia: a Nasa compostelá. E comeza cun prato forte: o último espectáculo do dúo cómico Mofa e Befa, Sempre ao lonxe (ou decadencia étnica). Un espectáculo que combina músicas, razas e folclores co humor acedo que caracteriza a Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo. Dende hoxe e até o sábado hai función e as entradas pódense comprar por internet a través desta páxina. Neste vídeo poden ir vendo un fragmento do espectáculo.

- 16:41 26/09/2006
Tags:

Nos últimos 15 anos a ciencia impugnou para sempre a idea ou preconcepto do século XIX que afirmaba que os seres humanos pertencemos a razas diferentes. A falta de sensibilidade destes científicos destruíu as ilusións raciais de millóns de persoas que se crían superiores, inferiores ou simplemente distintas de outras. A superstición racial é unha parte fundamental da nosa cultura, á mesma altura que a superstición amorosa ou relixiosa. A crenza na existencia das razas ten provocado algunha guerra, o turismo sexual, as ONGs, os tablaos flamencos, as casas de fados, o apartheid, os filmes de Fu-man-chu, o samba, a pintura de Gauguin, as misións, e obras imortais da literatura como Othello ou "As tribulacións dun chinés na China"... O desencriptado do mapa xenético humano mandou ao caixón das lembranzas todo isto.

Sempre ao lonxe é un título cheo de saudade que nos suxire, por un lado, a imposibilidade de estar no sitio certo no momento certo; e por outro lado, a cautelosa distancia desde a que acostumamos a observar aos que cremos diferentes de nós. Espectáculo tinxido pola vontade sempre didáctica e de servizo público que anima a Mofa e Befa, presentado por un inquedante padre misioneiro, ten no comezo un aspecto de velada cultural con intención benéfica.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: