Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CRÓNICAS DENDE DONOSTI -7

'Media lúa' e 'O meu fillo' comparten a Cuncha de Ouro do Festival de Cine de Donostia

Nathalie Baye e Juan Diego obteñen os premios de interpretación nun palmarés que premia dúas veces a Tom DiCillo polo seu labor como director e guionista. Última crónica dende Donosti de Martin Pawley, que nos informa e comenta as súas impresións sobre os galardóns.

- 10:56 17/10/2006
Tags:

A estas alturas non é que as decisións dos xurados me quiten o sono, pero sempre gardo a esperanza de que algún ano as miñas favoritas asomen o fuciño dentro do grupo de elixidas. Tampouco foi desta vez: non premiaron "Forever", o estupendo e nada mortuorio documental de Heddy Honigmann sobre o cemiterio de Père-Lachaise, e nin sequera aparece "Hana", de Hirokazu Kore-eda, que con todas as súas deficiencias pasa por ser o produto de ficción máis interesante dos vistos a concurso. O xurado presidido por Jeanne Moreau e do que forma parte o Nobel José Saramago, ese que dixo hai uns días que polo usual consideraba unha perda do tempo ir ao cine, optou polo dramón francés con nai paranoica "O meu fillo", de Martial Fougeron, e "Media lúa", a película de Bahman Ghobadi cargada cun simbolismo de tres pesetas. Con razón ten tan boa cara o señor Ghobadi: as súas últimas dúas películas supuxéronlle cadansúa cuncha de ouro. A próxima que faga ha de mandala aos festivais de Cannes ou de Venecia, xa verán. O palmarés é bastante reiterativo, con só cinco filmes destacados dos dezaseis a competición na sección oficial, e iso non deixa de ser unha boa proba de que para o xurado moitas cousas interesantes non debeu haber; por iso caen na parvada de premiar dobremente a unha mesma persoa, Tom DiCillo, como director e guionista dunha comedia tan amena e prescindíbel como "Delirious". Nada que obxectar sobre o galardón a Nathalie Baye nunha edición escasa de grandes personaxes femininos; do premio a Juan Diego prefiro non dicirlles nada para que non me ferva o sangue, igual que co bombón feito por Carlos Sorín. Tanto teñen unhas ou outras: son todas películas sen risco, sen garra, sen durabilidade; un cine que xa teremos esquecido cando arranquemos a derradeira folla do almanaque.

Palmarés

  • Cuncha de Ouro: ex-aequo a "Media lúa", de Bhaman Ghobadi (Irán-Iraque-Austria-Franza) e "O meu fillo", de Martial Fougeron (Franza)
  • Premio Especial do Xurado: "O camiño de San Diego", de Carlos Sorín (Arxentina)
  • Cuncha de Prata ao mellor actor: Juan Diego por "Vete de mí" (España)
  • Cuncha de Prata á mellor actriz: Nathalie Baye por "O meu fillo" (Franza)
  • Cuncha de Prata ao mellor director: Tom DiCillo por "Delirious" (EEUU)
  • Premio do Xurado á mellor fotografía: Nigel Bluck e Crighton Bone por "Media lúa", de Bahman Ghobadi
  • Premio do Xurado ao mellor guión: Tom DiCillo por "Delirious" (EEUU)
  • Premio Altadis-Novos Directores: "Fair play", de Lionel Bailliu (Franza). Mención especial para "O camiño a Kalimugtong", de Mes de Guzman (Filipinas)
  • Premio Montblanc de novos guionistas: Yen Yen Woo e Colin Goh por "Singapore Dreaming" (Singapur)
  • Premio Horizontes: "Os 12 trabalhos", de Ricardo Elias (Brasil). Mencións especiais para "El violín", de Francisco Vargas (México) e "El custodio", de Rodrigo Moreno (Arxentina-Alemaña-Franza-Uruguai)
  • Premio TCM do público: "Little Miss Sunshine", de Jonathan Dayton e Valerie Faris
  • Premio Volkswagen da xuventude: "A arte de chorar", de Peter Schonau Fog (Dinamarca)

Premios Cine en construción
  • Premio "Cine en construción": Unha noiva errante", de Ana Katz (Arxentina)
  • Premio Casa de América: "A via láctea", de Lina Chamie (Brasil)
  • Premio CICAE: "A casa de Alice", de Chico Teixeira (Brasil)
  • Premio TVE: "Fiestapatria", de Luis Vera Vargas (Chile-Perú) e "A casa de Alice", de Chico Teixeira (Brasil)

Premios Cine en movimento
"Entre parenthèses", de Hicham Falah e Mohamed Chrif-Tribak (Marrocos); "Mascarades", de Lyes Salen (ALxeria); "L'autre moitié du ciel", de Kalthoum Bornaz (Túnez); e "Ne restent dans l'oued que ses galets", de Jean-Pierre Lledo (Alxeria)

Outros premios
  • Premio da FIPRESCI: "Media lúa", de Bahman Ghobadi (Irán-Iraque-Franza-Austria)
  • Premio SIGNIS (Sección Oficial): "Delirious", de Ton DiCillo (EEUU))
  • Premio Círculo de Escritores Cinematográficos: "Copying Beethoven", de Agnieszka Holland (EEUU-Gran Bretaña-Hungría)
  • Premio CICAE: "Cashback", de Sean Ellis (Gran Bretaña). Mencións especiais para "Se o vento sopra a area", de Marion Hansel (Bélxica-Franza) e "Nömadak TX", de Raúl de la Fuente.
  • Premio da Asociación de Doantes de Sangue de Gipuzkoa á solidariedade: "Ghosts", de Nick Broomfield (Gran Bretaña)
  • Premio Sebastián 2006 (Asociación LGBT Gehitu): "Estrellas de la Línea", de Chema Rodríguez (España)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: