Na semana en que a plataforma de vídeo Youtube está na boca de todos pola súa adquisición por parte de Google, soubemos que a rede de novas sociais Chuza! anda a organizar o premio Chanante Piñeiro para lembrar todas as alfaias audiovisuais que apareceron no tubo durante este ano. Na wiki da organización aínda se están a discutir as categorías e os vídeos a concurso, pero xa hai indiscutíbeis candidatos: o máis recente, o protagonizado polo alcalde de Ortigueira en Eivisa, pero non faltan clásicos como o de Tojeiro e a droja no colacao', o videoclip da canción de Edilberto Alonso Galicia será nación ou aquel no que sae o ex presidente Fraga dicíndolle ao seu colaborador que lle "toque os narices". O premio entregarase en novembro, na mesma data que o Chano Piñeiro á mellor película galega.