Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
20 ARTISTAS AMOSARÁN AS SÚAS OBRAS NO MARCO DE VIGO

Escoitar para ver

A Mostra Invisible reunirá no Marco de Vigo desde o 20 de outubro e até o próximo 21 de xaneiro un conxunto de obras pouco convencionais que emprazan ao espectador a que imaxine ou conceptualice unha imaxe ou unha situación a partir dunha vibración sonora. A exposición ofrecerá a escoita de obras de 20 artistas contemporáneos ademais de ampliar o noso concepto do visíbel e do invisíbel. Haberá a posibilidade de realizar visitas guiadas e tamén a de poder participar nun obradoiro no que capturar as paisaxes sonoras das cidades galegas é o obxectivo.

- 11:18 20/10/2006
Tags:

A exposición, coproducida polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) e o Centro José Guerrero de Granada, e comisariada por Delfim Sardo, reúne unha selección de obras de artistas clásicos contemporáneos que presentan o son entendido como voz ou como vehículo que aporta corporeidade malia terse asentado sobre compoñentes non visibles. Nela reúnese un total de 20 obras de artistas contemporáneos e para poder visitala, os horarios son os seguintes: martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00 e os domingos, poderase ver de 11.00 a 15.00.

A mostra inclúe obras xa históricas, como as de Kurt Schwitters, Raoul Hausmann, Bruce Nauman, Joseph Beuys e Luigi Russolo, ou pezas creadas especialmente para a exposición como a de Martin Creed no elevador que dá acceso ás salas de exposición do MARCO; ademais de obras chave na produción de artistas como Louise Bourgeois, Antoni Muntadas ou Janet Cardiff, xunto cos habituais no traballo co son como expresión espacial como son Stephen Vitiello e Luísa Cunha, entre outros.

En termos programáticos, "o fundamento da exposición atópase na procura de tres eixos de referencia na arte dos nosos días: a espacialidade, a narratividade e a transversalidade entre o campo auditivo e o campo visual", segundo afirman desde a organización. Como parte integrante da exposición, o MARCO de Vigo e o Centro José Guerrero de Granada editaron tamén 4 CDs da obra One Million Years, do artista xaponés On Kawara, que se presenta por primeira vez en España, e que continúa as edicións realizadas por outros museos. O venres 20 de outubro, coincidindo coa xornada inaugural, o público visitante poderá asistir á lectura das datas en directo na Galería 1, onde a partir dese día se exhibirá a peza gravada.

Como actividade complementaria da exposición, o MARCO pon en marcha o obradoiro titulado Paisaxe sonora de Vigo, incluído na xira do proxecto Escoitar.org por varias cidades galegas co obxectivo de capturar os chamados "Paseos sonoros polas cidades galegas". Realizarase do 9 ao 15 novembro 2006 na sala perimetral B1, para o que haberá que inscribirse previamente. Ademais, quen o desexe poderá ver a mostra participando nunha visita guiada todos os días ás 18.00. Haberá varias modalidades, tendo aquelas para grupos, as que vaian realizar asociacións e aqueloutras guiadas polo comisario.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: