Antesala de Cineuropa e relevo de Curtocircuíto, o Festival Internacional de Cinema Árabe Amal chega ás pantallas da Aula Sociocultural de Caixa Galicia de Compostela o 20 e 21 de outubro, con documentais e tamén curtametraxes que, por primeira vez este ano, concursan na sección oficial. Dende o 22 ao 25, as proxeccións serán no Teatro Principal, e o xoves 26 rematará cunha gala e entrega de premios na Aula Sociocultural Caixa Galicia de novo. Ademais dos filmes, a cidade acolle a visita de varios cineastas chegados de distintos países, para compartiren visións e estabelecer diálogos máis alá das fronteiras.
O venres 20 na Aula Cultural de Caixa Galicia, ás oito e media, o documental español César e Zaín, de Larry Levene, inaugura esta nova edición do festival, coa historia de dous cativos de diferentes culturas unidos pola Rede. Ás dez chegará Arafat, meu irmán, de Rashid Masharawi, na que Fahti Arafat fala sobre o seu irmán, o líder palestino. A segunda xornada dedícase á proxección de curtas e documentais: ás catro e media, co documental Palestine blues, e as curtas Like twenty impossibles e Jamila; ás sete e media, con outro documental, Since you letf e as curtas Les Yernénitas, T'sawer, e La pelote de Laine; ás dez, con catro curtas máis: Voyage en sol mayeur, Papeles, Cab driver e Mobile war zones. Estas proxeccións rematarán a medianoite, con outras catro curtas: Desalmados, O poder da cámara, O tren e Hiyab, que volve sobre a polémica da prohibición do veo islámico nos centros de ensino europeos. Estas proxeccións serán todas debalde (polas seguintes hai que pagar dous euros de entrada, aínda que se pode optar por mercar un bono de 15 € para ver dez filmes).
Xa o domingo poderemos ver Ibn Batutta, a viaxe do Islam, curta na que Fernando Santiago Muñoz aborda a figura do aventureiro do século XVI. Este ano destaca a participación de directores hispanos, que ofrecen unha visión diferente do mundo árabe, a través da integración na Península ou das súas pescudas persoais: A vida de cans de Juanita Narboni, na que Farida Benlyazid conta a historia de tres mulleres en Tánxer co trasfondo da guerra civil española, María e Assou, de Sílvia Quer, a dramatica historia real dunha parella esgazada por un asasinato racist. Emma Tusell recrea a súa propia viaxe iniciática polo Atlas, n'O cuarto de Elías, e Sergi Sandúa, o que averiguou cando marchou para saber o porqué do conflito árabe-israelí: Soñar en Nablus. Ademais, o filme de ficción de Silvia Munt As fillas de Mohamed fecha o festival cunha fonda reflexión sobre a situación das mulleres islámicas emigrantes, cando teñen que convivir con outra cultura.
E tamén poderemos ver Ertijal, un documental sobre o laúde de Raed Andoni, a marcha solidaria en bicicleta que percorreu Europa para chegar a Xerusalén. no documental Pedaleando pola paz, de María Argueta, a historia de dous rapaces recrutados para perpetraren un atentado suicida, en Paradise now, de Hany Abu-Assad, ou o amor adolescente entre unha francesa e un marroquino, n'A escorregadiza, de Abdellatif Kechiche, que xa puidemos ver na anterior edición de Cineuropa, Syriana, de Stephen Gaghan, unha trama sobre o petróleo no Golfo protagonizada por George Clooney, un documental sobre Xibraltar (Mediterranova, de Othman Naciri) e outro de Norma Marcos sobre o aeroporto de Ben Gurion, o clásico de Marcel Carné interpretado pola galega María Casares Os nenos do paraíso, historias de amor ambientadas en Istambul, en Hamam, o baño turco, de Ferzan Ozpetek, en Siria, como en CAncións dedicadas, de Abdullatif Abdulhamid, ou mesmo en Londres (Unha cama a calquera prezo, de Khalid Al-Haggar, e Visións e soños, de Waha Al-Raheb, conta as contradiccións que se viven no Líbano dende o ollar dunha moza soñadora.
Diálogo de culturas
O festival Amal, organizado pola Fundación Araguaney, co apoio da Concellaría de Cultura, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Consellaría de Cultura e Deporte, a Fundación Caixa Galicia e o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación. Ademais, conta co patrocinio de Tesec Audiovisuais, Producións CTV e Restaurante Caney, e co apoio de Polbo graphix, vai xa pola súa cuarta edición. Naceu no 2003 como unha mostra, cunha serie de principios moi claros: multiculturalidade, tolerancia, desenvolvemento, beneficio mutuo, coñecemento, empatía e humanismo. Hoxe é xa un festival consagrado que reúne en Compostela a realizadores de varios países: nesta edición poderemos gozar da presenza de Larry Levene, o 20 e 21 de outubro, Mohammed Barki, do 21 ao 25, Othman Naciri, do 21 ao 24, Nida Sinnokrot, do 23 ao 29, Norma Marcos, do 23 ao 25, Emma Tusell, do 24 ao 27, e Khaled El Hagar, do 25 ao 28.