Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MARÍA RUíDO INICIARÁ ESTE CICLO CO PROXECTO ROSEBUD

Primeiros seminarios do outono no CGAC

O primeiro seminario de traballo do proxecto Rosebud desenvolverase este venres e sábado no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O dito traballo reunirá a José Luis Castro de Paz, Antonio Weinrichter, Jorge Blasco Gallardo, Helena López, Javier Rodrigo, Julio Prada e Xusto Beramendi arredor da relación das imaxes co contexto politico que as produce, o que moveu á artista María Ruído a pór en marcha este proxecto. Ademais, e desde o 24 até o 27 de outubro, celebrarase tamén un outro cursiño sobre a educación e os procedementos artísitcos baixo o título "Caderno do paseante".

- 13:30 20/10/2006
Tags:

Documentalidades/1, que así se chama o seminario que se celebrará esta fin de semana, terá unha primeira sesión dedicada á reflexión sobre o museo e a institución arte como espazo e de xeración e utilización de memorias e relatos históricos, especialmente nas últimas décadas. Este seminario propón ademais a análise dalgunhas formas de represión e desarticulación política despois da guerra do 36 en Galicia e no Estado español. Tamén haberá momento para botar unha ollada sobre algunhas imaxes cinematográficas e a súa significación no contexto do franquismo.

O seminario, enmarcado no Proxecto-Edición, comeza este venres coas intervencións do escritor e profesor Jorge Blasco Gallardo e do profesor de cine Antonio Weinrichter. Continúará o sábado co profesor de comunicación audiovisual e especialista en cine Jose Luis Castro de Paz e coa investigadora Helena López. Na tarde do sábado. Logo, a quenda será dos historiadores Javier Rodrigo, Julio Prada e Xusto Beramendi.

Segundo a directora, María Ruido, o seminario móvese nun territorio híbrido e, polo tanto, aínda que conta coa presencia de historiadores e historiadoras, non vai dirixido só a un público especialista. "Nun momento no que vivimos o ano da memoria , onde a revisión da posguerra e do exilio parece estar a mostrarse con certa frecuencia na television e no cine, sumarnos á análise detida sobre estas representacións e os seus obxectivos parécenos especialmente oportuno", sinala. O prezo da inscrición é de 12 euros e sera expedido un certificado de asistencia. O número de prazas é limitado.

Caderno do paseante

Un seminario dirixido a todas as persoas interesadas no ámbito da educación e os procesos artísticos. Asi se presenta Caderno do paseante, que se desenvolverá no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) entre o 24 de outubro e o 27 de novembro. O seminario é unha colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o CGAC en base a unha proposta da profesora María Xesús Agra e da coordinadora do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos do CGAC, Cristina Trigo.

As sesións de traballo propoñen un itinerario creativo no que cada participante construirá o seu propio caderno de bitácora coas experiencias e cuestións que vaian xurdindo. Isto completarase con debates e sesións ao redor dalgúns dos espazos compartidos por arte e educación como a paisaxe, o espazo urbano, a escena, a música, o ámbito institucional ou non institucional ou as aulas, entre outros.

As solicitudes de inscrición para participar no seminario pódense presentar ata o 23 de outubro por fax (981546605), correo electrónico (cgac.pedagogia@xunta.es) ou ben na recepción do CGAC indicando nome, teléfono e enderezo postal e electrónico. Deben xuntar un breve texto xustificativo do interese por participar no seminario. A matrícula custa 12 euros e os participantes deberán traer cámara de fotos ou video.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: