Está case todo listo para que a alfombra vermella se despregue no auditorio municipal de Ourense este vindeiro sábado na inauguración da undécima edición do Festival Internacional de Cine. Unha aposta palo glamur na o que o concello ourensán nunca escatimou, e cunha forte organización e apoio institucional sitúase nos 360 mil euros de presuposto. Moitísimo menos precisaría o cineclube Padre Feijóo, o segundo máis antigo de Galiza, para arranxar os seus vellos proxectores e non desaparecer, como temen os veciños da cidade.
Así o denuncia no seu blog o colectivo Mondoxíbaro, que compara o diñeiro que o concello e a deputación gastan no festival co desleixo que padece o cineclube, que leva máis de trinta anos de actividade. Din que arranxar os proxectores e adecentar o salón de actos da biblioteca pública custaría 30 mil euros, que ninguén pon: "custa máis artellar un convenio para que o cine clube proxecte no auditorio todo o ano que derrochar nunha semana máis de 360 mil euros".
E o certo é que a actividade do cineclube ten traza de desaparecer. Xa nin a web teñen actualizada, e a última entrada do seu blog é do mes de maio. Os cinéfilos de Ourense -aos que lles gusta ver bo cine todo o ano- piden que non se tire a toalla e fan un chamamento ás institucións para que lle brinden o apoio ao cineclube.
De bares, O camiño de San Diego e As Vidas de Celia
Son os títulos máis importantes do cartel do festival de cine este ano: un director galego (Mario Iglesias, con De bares), outro arxentino (Carlos Sorín, con O camiño de San Diego e outro español (Antonio Chavarrias, con As vidas de Celia, que protagoniza Luís Tosar, ofrécennos as cintas máis agardadas na sección de largometraxes, pero tamén poderemos ver curtas e bo surtido de documentais. Os veteráns actores españois Emilio Gutiérrez Caba e Juan Diego serán homenaxeados no marco do festival, cuxo programa xa se pode ver aquí.