O 20 e 21 de novembro, a AADTEG celebrará as II Xornadas Cidadanía e Teatro. Este encontro do teatro galego estrutúrase arredor de catro mesas temáticas: Teatro e Intervención Social, Teatro e Educación, Teatro e Participación Social, e Teatro e Acción Positiva. Téntase analizar a potencialidade das artes escénicas na sensibilización sobre problemáticas sociais, ver que poden achegar de positivo para superalas. O encontro desenvolverase no Consello da Cultura Galega.
Cándido Pazó, presidente da AADTEG, abre este encontro na tarde do luns 20 para lle dar paso ao profesor Héctor Pose, da Universidade da Coruña. Presentará o seu proxecto de investigación sobre as funcións sociais e os novos espazos das artes escénicas en Galiza. Seguirá unha mesa redonda moderada pola actriz e produtora Rosa Álvarez, sobre a intervención social por medio do teatro. Nela participan o actor e director Evaristo Calvo (o 50% de Mofa e Befa, xunto con Vítor Mosqueira), o actor e docente Fernando Dacosta e o actor, produtor e director Celso Parada (quen leva adiante Teatro do Morcego). Por último, na sesión do venres, Manuel Areoso modera unha mesa sobre teatro e educación, con Manuel Vieites (director da ESAD de Galicia), Juan Durán Alonso (subdirector xeral de ensinanzas especiais) e José Luis Prieto Roca, co-responsábel da Escola de Teatro de Narón.
O sábado, Xúlio Lago aborda o importante papel do teatro amador en Galiza, na mesa "Teatro e Participación Social", na que modera a Rafael Rodríguez Martínez, presidente de ALCER e membro da ANPA do Colexio Público Caneiro Canido de Ferrol, Atón Lamapereira, docente, actor e director da Revista Galega de Teatro, e Mariana Carballal, actriz, docente, e especialista en traballo teatral con reclusos. Despois virá a mesa "Teatro e Acción Positiva", moderada pola actriz Flor Maceiras, coa participación da directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luisa Bouza Santiago, Berta Ojea, responsábel da secretaría da muller da Unión de Actores, e Cristina Domínguez, directora do CDG. Nesta mesa abordarase a pervivencia do machismo no eido das artes escénicas. Por último, para clausurar estas xornadas, contaremos coa veterá actriz Dorotea Bárcena, unha das grandes damas do teatro galego.