Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VIEIROS REPARTE INVITACIÓNS PARA A GALA

Catro por catro, unha viaxe a través da nosa música

O sábado ás 20:30, Xurxo Souto presenta no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, un evento que ha marcar un fito: a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural bota andar o Circuíto Catro x catro, un programa completo de difusión da música popular a través de todas as súas vertentes. E como mostra, este sábado gozaremos da voz e as ferreñas de Leilía, a música tradicional de Linho do Cuco, o recentemente premiado, nos premios La Opinión, Xavier Díaz, e a fusión co jazz de Trío Kin García. Para esta cita podedes obter cincuenta invitacións a través de Vieiros! Lede como.

- 08:36 09/11/2006
Tags:

As cincuenta primeiras persoas que envíen un correo a lara@acordando.com, co seu nome e apelidos e o número do carné de identidade, e especificando no asunto "Concerto 4x4", poderán asistir a esta festa. As persoas afortunadas recibirán un correo de confirmación, e despois, abondará con amosar o carné na entrada.

Circuíto 4X4 é a denominación que recibe a nova programación de música popular proposta pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta. Está dirixida a todos os concellos de Galiza e dispón de catro ciclos que representan a variedade de estilos e formacións que existen actualmente no país. Para esta ocasión estase a crear un espectáculo que fai un percorrido estilístico da música galega representada nesta ocasión por Leilía, Xabier Díaz, Trío Kin García e Linho do cuco. Esta presentación vai ser, ante todo, unha festa, conducida polo máis indicado: Xurxo Souto.

"As cores actúan sobre a alma e nela poden producir sensacións, espertar emocións e ideas..." Esta frase de Goethe, autor da Teoría das cores, serve perfectamente para
introducir a filosofía do Circuíto 4X4: catro ciclos musicais para un mesmo circuíto. Catro propostas e catro formas de espremer un mesmo sentir pola música en Galiza. A ferramenta perfecta para a súa unión é a complicidade existente entre a variedade de estilos de cada ciclo. No circuíto 4 x 4 a música popular galega desenvólvese desde catro puntos cardinais con características propias, partindo dos seus dous eixes: a música urbana e a música rural. A canción galega de autor, a música instrumental de vangarda, as voces e cantares tradicionais e a tradición das formacións instrumentais son as expresións da música popular. Todos estes estilos daranse a man nunha gala que creará pontes comunicativas interxeracionais. Muiñeiras, tangos, jotas, habaneras, chotis, fox, twist, mazurcas, polcas, pasodobles, one step, two step, foliadas, fandangos, ... o circuíto ten ritmos e cantos variados coñecidos para moitas xeracións de galegos e galegas. Centrará o seu protagonismo no conxunto, na variedade e na continuidade.

Cada ciclo ten a súa personalidade e con el o público disfrutará da calidade e da creatividade de cada proposta artística: catro ciclos musicais de música galega sen concesións e con estéticas diferentes na concepción dunha imaxe actual do panorama musical e cultural do país. Catro ciclos cunha relación emocional entre o vocal e o instrumental, entre os sons tradicionais e de vangarda. Cores que debuxan un novo universo musical, unha aposta polas sensacións creadoras do futuro. O obxectivo é entregar espectáculo para que a xente non só observe un concerto, senón que saiba ver a forza de cada elemento que compón o ciclo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: