Unha das voces que escoitamos todas as tardes nas crónicas do Diario Cultural da Radio Galega é agora a protagonista da noticia: Xiana Arias (Fonsagrada, 1983) é xornalista, reside en Compostela, e Poemas nas ortigas é o seu primeiro poemario. Con el acaba de gañar o XIX Premio Xosé María Pérez Pallaré de Poesía. No xurado estaban María do Cebreiro, Medos Romero (recentemente premiada) e Mario Regueira (gañador da convocatoria anterior con Tanxerina). Todos destacaron a fluídez e frescura da linguaxe e a coherencia do texto, con referentes como Max Aub, Adrienne Rich, Miguel Hernández ou Antón Reixa.
A de Xiana Arias, en palabras do xurado, é unha "poesía valente que consegue elaborar unha voz dun feminismo crítico, que desmonta os clixés e os estereotipos en torno ao xénero." Poemas nas ortigas publicarase na colección de poesía Espiral Maior. O próximo sábado, día 25 de novembro, entregaráselle o premio á autora nun acto que terá lugar no Casino de Fene ás 21:00.