Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O ESCRITOR NOIÉS FALECEU ONTE

Deixounos Xosé Agrelo Hermo

Onte, martes 21 de novembro, falecía o escritor Xosé Agrelo Hermo, con 69 anos. O seu enterramento será na tarde do mércores 22 ás catro, con saída do tanatorio de Ceilán, na Serra de Outes. O director da editorial Toxosoutos foi autor de obriñas de teatro como Candea 70 (tres pezas dramáticas), teatro infantil O cartafol de Ruperto, de narrativa infantil (Os sete coitelos, Rumbo ao Maluco) e libros pedagóxicos (O xogo dramático (de, con, por, para nenos)), e ensaio ou biografía (A freguesía de Santa Cristina de Barro, Avilés de Taramancos, Derrota e singraduras do Joaquín Vieta), e mesmo banda deseñada (Noia. Porto de Compostela).

- 09:41 22/11/2006
Tags:

Nado o 10 de abril de 1937 na freguesía de Santa Cristina de Barro (Noia), Xosé Agrelo Hermo criouse, como el mesmo deixou escrito, na época do estraperlo, do racionamento e do wolfram. Aos dez anos marchou para o Seminario Conciliar de Santiago onde estudou Humanidades e Filosofía e, a punto de profesar o sacerdocio, abandonou e marchou a Madrid con vinte e un anos. Alá foi mozo de carga, tenedor de libros, vendedor a domicilio, deu clases particulares de latín e grego e estudou cinema e xornalismo. De volta en Noia, estudou a carreira de Maxisterio por libre e, anos máis tarde licenciouse en Filoloxía Románica. Exerceu a docencia en colexiospúblicos de Boiro, Outes, Torea e Esteiro, onde se xubilou como Director do CEIP "As Ínsuas" no 2002. No exercicio da docencia atopou a súa verdadeira vocación. Ademais, nos 60 comezou a súa relación co teatro, unha paixón a todos os niveis: foi autor, actor, director, promotor de grupos de teatro infantil e de adultos, acompañado pola súa compañeira, Solita Roo Rey, primeiro como actriz e despois como membro do persoal técnico (atrezzo e maquillaxe), e co apoio e a axuda dos seus fillos, Cristina e Xosé Ramón. Codirixiu o grupo Talía de Noia, e representou comedias de humor de Miguel Mihura, Juan Chorot e Carlos Llopis. En 1973 fundou, e dirixiu,"Candea" do Liceo de Noia, grupo comprometido co teatro popular, coa lingua e con Galiza que durante sete anos fixo centos de representacións por toda a xeografía galega en salóns de bailes, igrexas, garaxes, sen apenas medios pero co entusiasmo e o pulo que contaxiaba o seu director. Montaron o Romance de Micomicón e Adhelala, de Blanco Amor (1973); Pancho de Rábade, de Álvaro das Casas (1974); Rexurdimento de Leandro Carré (1974), e as obras do propio Agrelo: Noite de lobos (1975); Metá a metá (1976) e O mestre (1978), reunidas as tres no volume Candea 70. En 1980 fundou en Esteiro o grupo "Xestruxo" co que representou: Os vellos no deben de namorarse de Castelao (1981), Pancho de Rábade (1982) e Metá a metá (1983). En 2001 fixo unha nova montaxe de Os vellos non deben de namorarse cun grupo organizado no seo do Liceo de Noia. Desde 2004 puxo a súa experiencia ao servizo do grupo "O Xeito Teatro" da Asociación Cultural "Do Xeito" de Esteiro, co que dirixiu as montaxes de O achado do Castro, de Núñez Singala (2004), e Os vellos non deben de namorarse (2005). Consciente da importancia de levar tamén o teatro ás aulas, fundou e dirixiu o grupo infantil "Agrocobo" co que representou a obra anónima Auto dos Reis Magos (1975) e outra súa, O espantallo (1976), ademais d'O telegrama de Manuel Fernández Núñez (1977); Os vellos non deben de namorarse (1978); Xuicio no bosque de Dora Vázquez (1981); Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (1982) e Os soños na gaiola(1983), as dúas de Manuel María.

Ademais de editar Candea 70 en Toxosoutos, O ensaio (Do Castro, 2005) mereceu o Premio Estornela 2004 da Fundación Neira Vilas. Como actor interveu nas representacións de Noite de lobos e O mestre, dirixidas por el, e fixo unha incursión no cinema na curtametraxe Macana de dote ché, con guión de Euloxio Ruibal e dirección de Miguel Castelo. Outros premios destacados foron O Facho por O espantapaxaros (Galaxia, 1972), e o Avilés de Taramancos por Rumbo ao Maluco (Toxosoutos, 2003). Aínda quedan no prelo de Toxosoutos o libro De Pedro a Ratzinger, e deixa varias obras inéditas: "Cántico da costureira poeta", dedicado a María Mariño, e o Catastro da Ensenada de Boiro, unha novela histórica medieval e un relato sobre a Noia dos anos 50.

Á parte tivo unha importante participación na vida social e política da súa contorna: militou no nacionalismo desde 1975 na ANPG, foi concelleiro en Muros durante catro anos en representación do BNPG e figurou na candidatura ao Senado en 1981, ao ser a persoa máis votada. Como dinamizador de iniciativas e empresas culturais, foi Redactor Xefe e colaborador do xornal quincenal "Barbanza", editado pola Asociación Cultural Barbanza, pertenceu ao Consello de Redacción e colaborou con diversas seccións na revista "Alameda", editada pola Sociedade Recreativa e Cultural Liceo de Noia. Desde 1988 foi Director da Editorial Toxosoutos e alentou numerosas coleccións, algunhas tan importantes como "Keltia", "Trivium", ou "Memoralia".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: