A comezos deste ano naceu a asociación Clubtura, integrada por unhas 40 salas de concertos e pubs de toda Galiza. Hai un mes asinaron un convenio co IGAEM para poren en marcha a nova Rede Galega de Música ao Vivo, e agora acaba de abrirse o prazo de inscrición -até o día 30 de novembro- dirixido a todas as formacións musicais galegas, de calquera estilo, interesadas en participar na programación do primeiro semestre do vindeiro ano 2007. Setenta grupos serán seleccionados para ofreceren 1.200 concertos ao longo do ano que vén (dez actuacións como mínimo cada un deles).
A convocatoria está aberta para formacións musicais galegas, de calquera estilo, en dúas modalidades: A, enfocada a formacións de pequeno formato, de creación recente ou con menos presenza no mercado, e B, para grupos cunha traxectoria xa consolidada. Unha Comisión de Selección, formada por dous representantes da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, dous do IGAEM e catro persoas de recoñecido prestixio no ámbito da música, escollidas por Clubtura, reunirase unha ou dúas veces ao ano para faceren unha preselección de cincuenta grupos A e vinte grupos B. Na modalidade B, un 25% dos grupos poderán ser de fóra da Comunidade Autónoma Galega. Os criterios fundamentais para a escolla son a residencia en Galiza, ou o vencello (emigración, uso da lingua), o oportuno do momento (en casos de lanzar novo disco, estreas), a calidade e traxectoria da formación, e pluralidade estilística e lingüística, con especial atención á presenza e promoción do galego.
Cada un dos grupos contratados terá un mínimo de dez concertos dentro da Rede Galega de Música ao Vivo, e quedan fóra do período de programación os meses de xullo, agosto e setembro. Cada sala contratará, como mínimo, a cinco grupos do tipo A e dous consolidados no período de xaneiro a xuño, e En canto aos cachés, os grupos de tipo A poderán cobrar 240 € por concerto, e os de tipo B, 800. En ambos casos, o IGAEM subvenciona o 75% e a sala pon o resto. Os prezos de entrada estarán, no caso dos grupos A, nun mínimo de un euro, e no dos grupos B, en tres.