A curtametraxe galega Mártires preséntase hoxe en Francia, onde vai percorrer tres cidades na vindeira semana. A produción dirixida por Xosé Zapata, que estará presente no acto, poderase ver hoxe no cinema Le Latina, en París, con pases ás catro e media e ás sete da tarde. O día 28 exhibirase na sala Centre Jean Vigo, de Burdeos, e o día 30 chegará ao cine Le Zola, en Lyon. Mártires foi premiada no certame Curt Fictions, e está protagonizada por Xabier Deive, David Lendoiro e Xaquín Domínguez. Nela cóntase a historia de tres mozos que beben e falan sobre o seu futuro, sen saberen que despois morrerán nun accidente de tráfico.
A curta contou coa colaboración musical de novos grupos de hip-hop galego, como Presencia Zero, de Cerceda, e Dios ke te Crew, de Ordes. Rodouse no concello de Carral, en lingua galega, e proxectarase con subtítulos en francés.