Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Reconstruíndo a linguaxe no Obradoiro

A artista Luz Darriba trae o proxecto Palabras + á Praza do Obradoiro compostelá este venres 24 de novembro, dende as dez da mañá. Así conmemorarase dende un día antes o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, mediante a intervención no espazo público. Outros anos xa contamos con iniciativas semellantes: o enorme patchwork do 2004, Luva Negra, Luva Branca no 2005. Pero esta vez, serán persoas, concretamente alumnado de ensino medio e xente, en xeral, que queira participar, quen represente cos seus corpos un enorme encrucillado, formando vinte e cinco palabras. Reelaboraranse nocións, definicións, sentidos, e crearanse novos conceptos plurais, concretos e simbólicos á realidade: amor, compromiso, liberdade, empatía, confianza, feminidade, masculinidade, paz... Esta actividade conta co patrocinio da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.

- 12:36 24/11/2006
Tags:

Estas definicións articuladas desde a concordancia e o pluralismo han servir para reclamar atención sobre os sentimentos humanos e as actitudes positivas que propician a equidade entre homes e mulleres. As definicións que achegue cada persoa serán incorporadas nun catálogo-libro, xunto ás súas respectivas referencias de autoría, e formarán parte do material de análise e traballo de estudantes de toda Galiza.

Luz Darriba), artista plástica multidisciplinar, naceu no Uruguai, formouse na Arxentina, e leva dezaseis anos vivindo e traballando en España. Realizou máis de 250 exposicións colectivas, 40 individuais, e ten recibido máis de 50 distincións internacionais. Xa ten abordado macroproxectos de intervención no espazo público como arrodear a Muralla de Lugo con 650.000 libros, en Cumulum, no 2000; tamén "envolveu con corenta mil libros a madrileña Porta do Sol un ano despois, e a Maison da UNESCO, en Paría, en Libres avec deas libres. Encarou tamén a cuestión de xénero coa montaxe poética Proxecto Sherezade, no Museo Provincial de Lugo (2002), ou Prince Charming (Príncipe Encantador), no 2004, na Galería José San Lorenzo, Santiago de Compostela). Dezaseis fotomontaxes protagonizados por bonecos contan a historia de Cristina, e do seu amado Fernando, e remata coa portada dun xornal.

Luz Darriba foi a autora amén do Proxecto Pachtwork "Farrapos pola non violencia contra as mulleres": a Praza do Obradoiro encheuse, por estas datas hai dous anos, cunha alfombra de 8.000 metros cadrados. O 8 de marzo do 2005, no Día Internacional da Muller Traballadora, realizou unha acción na que cambiou o nome a 56 rúas do casco histórico de Lugo por nomes de mulleres esquecidas ou descoñecidas da historia: "As mulleres tomamos as rúas". E hai exactamente un ano, "Luva negra, luva branca" amosaba as dúas caras da violencia de xénero, por medio dunha instalación con 30.000 luvas negras e brancos na Praza de Santa María, en Lugo. Realizou as ilustracións do I Plan de Igualdade entre homes e mulleres do Concello de Lugo e as ilustracións da Revista Virtual de Xénero Foeminas. E o seu último traballo foi o Proxecto "Sinais" no cal a artista colocou nos semáforos de Rolda da Muralla de Lugo a representación iconográfica da muller á beira da tradicional e hexemónica figura masculina en conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, 8 de marzo de 2006.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: