Había ben tempo que non se escoitaban radionovelas nas nosas ondas: o xénero da ficción botábase en falta na radio, e agora, grazas a unha iniciativa da artista Julia Montilla para Proxecto Edición, poderemos escoitar, de luns a venres e de 18:45 a 19:00, as historias que contén Novembro. A artista catalá, interesada no mundo das edicións baratas, tiña en mente facer unha radionovela para o macroproxecto que coordinan o CGAC, a Fundación Luís Seoane e o MARCO, e púxose e contacto coa escritora María Lado para o guión. Este luns 27 de novembro poderemos escoitar o primeiro episodio.
Sete capítulos (27, 28, 29 e 30 de novembro, e 1, 4 e 5 de decembro) dunha superprodución do CGAC e da Radio Galega para o Proxecto Edición. Dez minutos de emoción cada tarde. Un espectacular elenco integrado por trinta actores e actrices porá as voces para unha "historia de historias", como nos conta a guionista, María Lado. "Eu quería unha historia claramente galega, pero tampouco reflectir uha realidade moi "real", entón creei unha vila que actuase como un trasunto da Costa da Morte, que recollese o ambiente (Vilabisal). Hai unha historia marco que lle dá continuidade aos episodios, pero tamén, e sobre todo, pequenas historias que contan os personaxes. A narración, a oralidade , é quen elva o maior peso na historia."
Intriga, misterio, paixón e inverno danse a man nesta Vilabisal que arrecende aos cantís da fin do mundo. Volve a radionovela ás ondas, un xénero no que xa probaran sorte grupos afeccionados dos 60 e 70, como Ditea, que radiou clásicos co teatro galego como Os vellos non deben de namorarse. Precisamente de alí saen dous dos actores: Xacobo Prieto e Marco Novelle. Escoitaremos tamén a Ursia e Anabel Gago (premiada como mellor actriz na anterior edició dos María Casares polo seu traballo en Tío Vania), o guionista Carlos Roma, a xa familiar voz de Belén Regueira, presentadora do Extrarradio, Xabier Cid, xornalista tamén colaborador do Extrarradio, habituais dos nosos escenarios e pantallas como a veterá Pilar Pereira, Xúlio Abonjo, Ricardo de Barreiro, Santi Prego, Xabier Cruz, Ramón Puente, Fernando Rivela, Federico Pérez, Maite Teijido, os reporteiros Quique Morales e Pablo Fontenla, Vicente de Souza, Marta Pérez, Uxía Crespo, Yolanda López, Elena López, o xornalista Alfonso Pérez Caneiro, Xabier Salgado, Amelia García, o locutor Pepe Carreira, Fernando Taboada, Valentina Freire, Manuela Mantiñán, e Miguel Alonso.