Dende hoxe está na rede unha nova publicación galega: Sono-tone, unha revista dedicada principalmente á música pero na que tamén teñen o seu espazo outras parcelas da cultura coma o cinema ou a literatura. Na web, que se vai renovar semanalmente, faráselle un seguimento á actualidade tanto do país como internacional, dende unha perspectiva asemade galega e universal. A publicación pretende darlle a mesma cobertura tanto aos grupos consagrados coma á nova xeración de artistas que está a xurdir en Galiza.
O número 1 ábrese coas entrevistas a Zimmer103 e ao Colectivo Oruga, de Ponteareas. Tamén lle dá un repaso ás novidades discográficas e mais a clásicos, libros, cinema, e inclúe unha reportaxe sobre Art Futura 2006, crónicas de concertos e moito máis.