Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
IV MOSTRA PORTUGUESA

Novas pontes entre Galiza e Portugal: "Olhar inquieto"

No marco da IV Mostra Portuguesa, que se desenvolve entre o 31 de outubor e o 16 de xaneiro do ano próximo, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, e a directora do Centro Português de Fotografia, Teresa Siza, presentaron a próxima actividade que terá lugar nos próximos meses: 'Olhar inquieto', unha mostra fotográfica que reúne a obra de 45 artistas portugueses de diversos estilos e épocas: o pictorialismo da época de Salazar, as avangardas silenciadas pola ditadura, as propostas máis contemporáneas... Estará na Aula Sociocultural de Caixa Galicia de Compostela do 4 ao 17 de decembro, e no Teatro Principal ourensán do 22 de decembro ao 8 de xaneiro. Ademais, o ciclo de cinema portugués que xa pasou por Compostela chega estes días ao CGAI, na Coruña.

- 12:40 30/11/2006
Tags:

Continúan as actividades coas que a Secretaría Xeral de Comunicación vén tendendo unha ponte entre as manifestacións culturais de Portugal e as galegas. Fernando Salgado, na presentación, aludiu tamén ao ciclo de cinema, que vén de pasar pola Aula de Cultura Caixa Galicia compostelá do 4 ao 11 de novembro, e agora estará no CGAI, dende o 29 deste mes até o 16 de decembro.

A actividade que foi presentada hoxe reúne a obra de corenta e cinco fotógrafos portugueses, e estará na Aula de Cultura Caixa Galicia compostelá as dúas próximas semanas, e despois no Teatro Principal de Ourense. Teresa Siza explicou que se trata dun percorrido diacrónico polo sećulo XIX, e no que se mestura obra de artistas moi novos (como Jorge Molder), case todos na trintena, cun testemuño gráfico da época salazarista. A directora do Centro Português de Fotografia salientou o paralelismo entre a fotografía española en época de Franco e a lusa durante a ditadura: "existía unha fotografía aceptada polo Estado, na que eran amosadas de xeito romántico e idealista a pobreza e a vida rural, e, por outra banda, unha produción que continúa nas avangardas, pero que non é amosada ao público durante os anos 50 e 60, e só comezan a saír á luz do público despois da Revolução dos Cravos" Emprendeuse entón un novo camiño que non tiña nada que ver co humanismo fotográfico, e achégase máis á reportaxe e ao documental subxectivo. Atopamos logo tres eixos temáticos: o traballo tradicionalista, as avangardas invisibilizadas na súa época, e os traballos posteriores ao 74.

A fotografía ao servizo do réxime e a alternativa
"José Augusto Cunha Moraes traballou en Angola a fins do século XIX e representou a utilización ideolóxica e estética da paisaxe que fixeron todos os países europeos: espantando ao público coa violencia e o exotismo africanos. Formula a pregunta "a quen pertencen as colonias? Ao colonizador ou a quen as posúe por dereito histórico?" Logo, con Salazar, non se recuperou ese estilo da época colonial, senón que comezaron as postais de traballadores no agro e xente que vivía realmente na extrema pobreza idealizados: " vías á xente na vendima limpiños, cantando, felices, cando a realidade era moi diferente. U-los galegos que emigraban a Portugal e traballaban en condicións de escravitude?", conta Siza. Era unha fotografía esteticamente moi pictorialista, formalista, raiando no kistch. Mentres, outras tendencias como a debedora de Cartier Bresson, encabezada por Gérard Castello-Lopes, o surrealismo de Fernando Lemos, ou as visións que anticipan o documentalismo subxectivo, mantíñanse á marxe do circuíto, non entraban nos salóns. Esas figuras comezan a ser agora recuperadas con libros e exposicións. Xa na época actual aparece Jorge Molder (de quen puidemos ver recentemente unha importante mostra no CGAC), que polo que ten de "racional, frío, amigo do simbolismo", propio da cultura do norte, en palabras de Teresa Siza, oponse ao meridional e emocional Paulo Nozolino, o fotógrafo das grandes viaxes, do momento fortuíto.

Para rematar, Salgado lembrou que o CGAI ten como propósito intensificar as relacións coa fotografía e filmografía portuguesa, e os vencellos coa filmoteca baseranse na difusión e na restauración de material (como o primeiro filme galego, O ano santo, de 1915). "É necesaria unha posta en valor do patrimonio do CGAI, e para o ano agárdanse novas series de mostras e proxeccións."


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: