Lume! é o título do último disco de Lamatumbá. Precisamente, no Día Internacional do Voluntariado Ambiental (5 de decembro), a banda ourensá ha berrar e cantar contra o lume. O Multiusos Fontes do Sar, en Compostela, acolle a partir das nove da noite un concerto de recoñecemento a todas as persoas que colaboraron na extinción dos lumes ao longo da vaga deste verán. Ademais do grupo que predica alegría e licor café por onde queira que vaia, estarán no escenario o sorprendente dúo barcelonés The Pinker Tones e o grupo británico Asian Dub Foundation. A entrada é de balde, e organízano a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e o Concello compostelán. Aquí podemos ver un concerto de Lamatumbá nas festas do San Froilán:
Lamatumbá, recén chegados duha xira que os levou por Barcelona, Cádiz, Torrelavega, Oiartzun, Errenteria, Tarragona, Girona, Granada, Gasteiz, ou Huesca, aportan en Compostela co seu barco capitaneado pola festa e decorado por David Rubín. Reggae, samba, rumba e rock da man dos xa queridos en Compostela (e Galiza enteira) Ico, Samuel, Ángelo, Iván, Cris, Puntxa, Txitxas, Toño Moucho, El Niño, e Perdidito.
Ademais, contaremos coa enerxía, que vén dende o Poble Nou barcelonés, de Professor Manso e Míster Furia, tamén coñecidos como The Pinker Tones. Pop electrónico mesturado con rock, para dar aínda máis heteroxeneidade a unha festa que ten o seu prato forte na Asian Dub Foundation: hard ragga-jungle, bases, cítaras, as bases de Dr Das, o rapeiro Deeder Zaman e o traballador polos dereitos civís DJ Pandit G, a guitarra de Chandrasonic e Sun-J joining alían as súas forzas nun proxecto non só musical, senó tamén sociocultural. A transmisión de ferramentas como música e tecnoloxía á mocidade son a premisa de ADF.