Implícate! Noite da palabra e a música solidaria é un evento organizado pola oenegué Implicad@s no Desenvolvemento que este ano chega á segunda edición. O sábado 16, o Auditorio de Galicia vaise encher de voces que loitan dende a poesía, a música ou as artes escénicas. Xa o ano pasado 400 persoas puideron gozar deste evento, e agora agárdanse moitas máis. Yolanda Castaño e Paco Lodeiro, a quen estamos afeitos a ver en Cifras e Letras, deixan o plató para presentaren xuntos esta festa que reunirá a poetas como Antía Otero, Lucía Aldao, Rosa Aneiros, ou Xosé María Álvarez Cáccamo, a danza de María Reimóndez e Inquedanza, o teatro de Chévere e Carlos Blanco, e a música de Rosa Cedrón, Deluxe, Avalon e Isga Collective.
As entradas xa están á venda, e pódense mercar a través do servizo de vendas de Caixa Galicia (a través da web e do teléfono 902 434 443), no propio Auditorio de Galicia, ou na tenda de comercio xusto Crisol de Vigo (Avenida das Camelias, 14). Custan dez euros, seis para o estudantado e tres para cativos e cativas menores de 12 anos.
O propósito principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento galega, invitar ao público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende Galiza, dende a conciencia crítica e a acción clara. Os cartos recadados con esta iniciativa destinaranse integramente a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento de IND. Dende a oenegué consideran que o cambio do mundo ten que comezar cun compromiso tamén con Galiza, recoñecendo o traballo que dende aquí se fai e activando as forzas vivas do noso pobo, como son as/os nosas/os músicas/os, poetas, artistas e persoas comprometidas e implicadas. Afirman que só cambiando as raíces da pobreza cambiarase a situación de millóns de persoas, e iso implica cambiar a nosa maneira de vida aquí ao ladiño da casa. "Os pobos teñen dereito a decidir sobre os seus designios e que as persoas teñen dereito a vivir con dignidade, e por iso traballamos man a man coas organizacións cívicas do sur e coas comunidades empobrecidas para que desenvolvan as súas capacidades. E sabemos que o desenvolvemento da humanidade pasa por erradicar a primeira desigualdade, a de xénero, e por iso no noso traballo queremos dar voz e capacitación ás mulleres para que poidan decidir sobre as súas vidas e para que se respecten os seus dereitos".
Premio aos microrrelatos
Ademais, durante o transcurso da gala serán entregados os premios ás persoas que gañen o concurso de microrrelatos. Aínda están a tempo de escribir! Trátase de elaborar relatos arredor do tema do microcrédito (tanto sobre a súa filosofía de fondo como sobre calquera outro aspecto relacionado), e poden participar persoas de todas as idades e nacionalidades coa única condición de que os textos presentados sexan orixinais en galego, inéditos, e cunha extensión máxima de 2500 caracteres. Teñen até o 14 de decembro para enviaren os seus relatos, polo correo electrónico info@implicadas.org, ou a través do correo postal a IND, Concurso MICRO-RELATOS, Centro Crisol, Camelias 14, 36202 de Vigo. É importante lembrar que en ámbolos dous casos o envío debe realizarse baixo pseudónimo. Quen opte polo mail deberá facer constar un número de teléfono e evitar calquera referencia ao nome do/a autor/a. Quen prefira facer o envío por correo postal deberá incluír dentro do sobre unha plica na que constarán os datos de contacto da/o autor/a.
Implicados e implicadas
En canto a música, teremos unha serie de concertos ben ecléctica: Rosa Cedrón é unha das artistas con máis repercusión do panorama musical galego dos últimos tempos. Durante nove anos foi integrante de Luar na Lubre, e participou con Mike Olfield no Tubular Bells III. A gravación do filme Un bosque de música e animouna a facer teatro.
Deluxe é o proxecto persoal de Xoel López, un dos músicos galegos con maior proxección alén das nosas fronteiras. En maio de 2001 publica o seu primeiro álbum Not what you had thought, que é definido por moitos como un dos discos que marcan un punto de inflexión na escena musical española e o verdadeiro punto de partida do selo Mushroom Pillow. Logo veu If things were to go wrong, e en marzo do ano pasado, Los jóvenes mueren antes de tiempo.
Avalon (Iria, Patricia, Deli, Macarena e Cecilia) rapidamente deixaron de ser unha promesa para converterse nunha das máis interesantes propostas do folc actual, aclamadas dentro e fóra das nosas fronteiras. As cinco viguesas seguen arrasando cos seus discos Lúa Meiga e Beltaine.
Máis que un grupo musical, Isga Collective é un colectivo de artistas de distintas disciplinas, dirixido polo músico e compositor Isaac Garabatos. Ofrece unha mirada intimista desde a Galiza actual e moderna, sen esquecer as súas raíces e tradición. Mónica de Nut, Jesús Andrés, David González, Lorena Freijeiro e Patricia Argüelles son os outros integrantes do proxecto. A súa primeira referencia discográfica editada baixo o selo Sul Producciones conxuga música contemporánea coas Cantigas de Martín Códax do século XII.
Tamén poderemos ver unha montaxe coreográfica de Inquedanza. O seu bo facer na composición e execución das coreografías e na creación e dirección dos espectáculos, fíxoos merecedores de diversos galardóns e de críticas moi positivas por parte da prensa especializada. Máis danza: María Reimóndez Meilán é tradutora e intérprete de profesión e escritora e feminista de vocación. Leva desde o ano 1994 dedicando o seu tempo á cooperación polo desenvolvemento, sobre todo na India, a raíz da cal funda en 1998 a oenegué Implicadas/os no Desenvolvemento. A súa faceta de bailarina de Bharata Natyam, baile clásico do sur da India é se cadra a menos coñecida. É subproduto da relación excepcional que o traballo en cooperación lle proporciona con este país.
E xa en teatro, gozaremos da presenza de Chévere, unha das compañías de teatro máis populares de Galicia, quen sempre sorprende ao público non só co seu peculiar sentido do humor, senón tamén impoñendo unha estética e un estilo propios e recoñecíbeis. Dende o 87 vén mantendo unha proposta estética ecléctica, desarraigada e un importante intervencionismo cultural en todo tipo de frontes. E teremos connosco a Carlos Blanco, un dos actores galegos máis polifacéticos e queridos polo público, dende os seus comezos como presentador da Radio Galega e da TVG. Conta cunha longa experiencia como actor de teatro, cinema (Cargo, O lapis do carpinteiro) e televisión, para onde creou personaxes tan memorables como o Ladislao Couto de Mareas Vivas. Ultimamente puidemos velo presentando o programa da TVG Somos unha potenzia.
A palabra solidaria
Dende a poesía, contaremos con autoras como Emma Couceiro. Obtivo o premio Espiral Maior coa súa primeira publicación, Humidosas, participou no colectivo Mulher a facer vento (1998) e obtivo o X Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo seu libro As entrañas horas. Colabora, como poeta e como crítica, en varias revistas como A Xanela, Dorna, Grial ou Festa da palabra Silenciada. Pertence ó equipo de redacción de Letras de Cal, nova editorial de poesía destinada a publicar ós novos valores.
Lucía Aldao é unha poeta e artista coruñesa. Autodefinida como "A poeta analfabeta", o seu carácter de artista dispersa fai que todos os seus actos, recitais, e concertos sexan unha experiencia nova e estimulante ademais de afastada do que se asocia tradicionalmente á poesía. Iniciada na poesía durante a adolescencia, o seu éxito levouna a estender as súas actividades, levando unha carreira paralela como cantante e guitarrista, guionista e animadora cultural. Ten gañado varios premios, como o Tanxedoira, o Francisco Fernández del Riego, o Minerva e o Premio de Poesía d'O Facho.
Rosa Aneiros é xornalista de profesión, colabora de forma habitual en distintos medios de comunicación impresos e electrónicos, entre eles culturagalega.org e a Axencia Galega de Noticias. É autora da novela xuvenil Eu de maior quero ser e do libro de relatos Corazóns amolecidos en salitre. Tamén publicou relatos en diversos volumes colectivos. A súa novela Resistencia (Xerais, 2002) foi reeditada xa en tres ocasións, ademais de recibir o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente en
2003 e ser traducida ao portugués pola editorial Dom Quixote. A súa novela máis recente é Veu visitarme o mar.
A voz de Antía Otero é unha das máis novidosas presentes do panorama lírico. É membro do consello de redacción da Folla Voandeira de Poesía "Augas verso" e ten editado en Espiral Maior O son da xordeira, que recibiu excelentes críticas. Tamén forma parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega onde exerce como vogal. Na actualidade cursa o Máster en Historia e Estética da Cinematografía pola Universidade de Valladolid e fórmase como actriz na Escola de Teatro e Danza Espacio Aberto en Santiago de Compostela.
E por último, Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950), estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e dende 1973 exerceu de profesor de Literatura en varios institutos de Galicia. Destaca como poeta, aínda que tamén publicou relatos breves, ensaio, pezas teatrais e textos para o público infantil. Da súa obra lírica destacan os poemarios Luminoso lugar de abatimento, Premio Esquío 1986, e Calendario perpetuo, Premio da Crítica de Galicia 1998. Formou parte dos consellos de redacción dos suplementos Galicia Literaria de Diario 16 de Galicia e Faro das Letras de Faro de Vigo.