Textos de Vidal Bolaño, de Chejov, lembranza de Magán e Plauto, os textos máis creativos do teatro contemporáneo... E seis compañías que fan o que fan por puro amor aos escenarios. Ao longo de seis días, Compostela convértese na capital galega do teatro amador: seis compañias, con cadansúa montaxe, participan nesta quinta ediicón do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, organizado pola FEGATEA, que este ano conta co apoio do IGAEM e da Concellaría de Cultura de Compostela. As funcións serán no Teatro Principal, do 7 ao 12 deste mes, ás nove da noite. Ademais, por primeira vez, a FEGATEA organiza unhas xornadas de debate sobre o teatro amador.
Este festival está dedicado á figura do actor, dramaturgo e director teatral Agustín Magán Blanco, fundador no 60 do Grupo de Teatro de Cámara Ditea, un referente histórico no teatro amador galego e autor de pezas como A lenda de Xan Bonome, Farsa Plautina, Os rebertes e A pousada de Petra Cotón.
Agora, case medio século despois de que un grupo de amantes do teatro se xuntase na cafetaría Rúa Nova para crearen o que hoxe é o gruo afeccionado con actividade ininterropida máis vello do Estado, amantes do teatro de todos os puntos da xeografía galega danse cita non moi lonxe do lugar onde naceu o xermolo de Ditea. No que Magán quería "un Broadway galego", no centro neurálxico do teatro galego, dúas rúas nas que conviven o Teatro Principal, o Salón Teatro e a Sala Yago. Até o de agora, as compañías integrantes da FEGATEA representaban no Salón, co apoio do IGAEM, e este ano, garzas ao apoio da Concellaría, estarán no Principal dende o día 7 até o 12. Pezas rusas, clásicos adaptados da literatura latina, pezas teatrais dun poeta francés nacido na Martinica, clásicos galegos recentemente desaparecidos, e moito máis.
Seis compañías
O festival comeza con Bicos, de Carles Alberola e Alberto García, da man da compaña vedresa Andaravía Teatro, música e humor para tratar as bondades e miserias das relacións de parella. Un clásico do teatro, tamén arredor do 'amor' será o protagonista da segunda xornada do festival: A petición de man de Chejov abrirá unha sesión dobre da man de Achádego Teatro, que presentará tamén O oso.
A Farsa Plautina de Magán é reinterpretada por Tiruleque no terceiro día de festival en Roma, que tolería!. E Teatro no Aramio volve pór e escena, despois do Festival de Teatro Universitario, a peza dramática E os cans calaban, dun dos grandes poetas en lingua francesa: Aimé Césaire.
A lembranza doutro gran autor galego: Roberto Vidal Bolaño estará presente no festival grazas á compañía miñorá Vichelocrego, que presentará a súa posta en escena d' A ópera do emprendedor. O festival baixará o pano co grupo Metátese con Peirao2434, unha visión desoladora do futuro no que os escravos dos mecanismos de produción dos poderosos viven felices no seu servilismo.
Ademais, o 8 e 9 deste mes terán lugar as I Xornadas de Teatro Afeccionado no CGAC, nas que se abordará fundamentalmente a cuestión da distribuición: o circuíto galego, as achegas de Asturies, Cataluña e Valencia, serán analizados por persoas que traballan neste eido.