Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CLAUSURA DE EXPOSICIÓNS NO CGAC

Últimas oportunidades para ver a Menchu Lamas e Paperback en Compostela

O domingo 10 de decembro clausúranse as tres mostras abertas neste momento no CGAC: Menchu Lamas. A sombra na man / A viaxe das formas (na primeira planta e Dobre Espazo), Paperback. Edicións Baratas (hall e planta baixa) e O futuro da actualidade (no soto). As dúas últimas levan tres meses no centro, integradas no Proxecto-Edición, desenvolvido polo CGAC xunto coa Fundación Luis Seoane da Coruña e o MARCO de Vigo. De feito, a mostra Paperback, comisariada por Amanda Cuesta, poderase visitar proximamente no museo vigués. Agora, o CGAC afronta a montaxe da exposición Contos Dixitais, comisariada por Manuel Olveira, que ocupará todo o centro e que se inaugura o 21 de decembro. Mentres, do 12 ao 20 de decembro, o público do CGAC poderá gozar do ciclo En primeira persoa, unha proposta de videocreación comisariada por Mar Caldas e Silvia Martí.

- 16:20 07/12/2006
Tags:

Ademais, a artista Julia Montilla, promotora do proxecto de teatro radiofónico Novembro, dirixe unhas xornadas de practicas radiofónicas do 11 ao 16 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación. O obxectivo: revitalizar o medio radiofónico e abordalo dun xeito non convencional. Abordarase en cinco bloques, e durante os cinco primeiros días varios convidados desenvolverán os seguintes temas: "A ficcion radiofónica", "Arte nas ondas", "Outras radios", "Híbridos radiofónicos" e "Outras voces", que prestará especial atención á presenza das mulleres na comunicación. Nesta última sesión contarase coa presenza de María Martínez, socióloga galega residente en Barcelona que forma parte do proxecto Radio Paca, e falou para Vieiros hai unha semana sobre a explotación feminina no sector téxtil. Outros convidados son o profesor de radio Xosé Ramón Pousa, o comisario independente Jorge Luis Marzo, o xornalista e director de Radio Fene Henrique Sanfiz, a veterana xornalista e profesora de comunicación e xénero Pilar López Diez e diversos representantes de radios libres e alternativas.

O último día, o 16 de decembro, proporase unha actividade de caracter práctico. Esta iniciativa está impulsada pola Facultade xunto ao CGAC, MARCO e Fundación Luis Seoane no marco do Proxecto-Edición. Estas xornadas completan o proxecto de Julia Montilla (Barcelona, 1970) titulado "Castelos no aire", no que se incluiu tamen o serial Novembro emitido na Radio Galega entre o 27 de novembro e o 5 de decembro. As solicitudes de inscrición para participar no ciclo pódense presentar por fax (981546605), correo electrónico (info@proxecto-edicion.net) ou ben na recepción do CGAC. A matrícula custa 15 euros e as prazas son limitadas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: