Presentacións, sinaturas de exemplares, conferencias, campañas de toda caste... A industria editorial ten as súas ferramentas para difundir os seus produtos. Pero nunca probara co vídeo. Agora, por vez primeira na historia da literatura galega, lánzase unha campaña en televisión e internet dunha novela. Trátase da exitosa Home sen nome, de Suso de Toro da que Xerais leva vendidas dúas edicións en tan só tres meses. Adiántanolo o editor Manuel Bragado no seu blog, e podedes velo tamén aquí:
Nesta novela, Suso de Toro recupera ao memorábel personaxe de Nano (Tic tac) e sitúao, nunha cama de hospital, a carón dun vello misterioso, un home sen nome que ten un pasado moi escuro que contar. No Ano da Memoria sae esta novela que é todo un exercicio de recuperación das lembranzas dun home que está condenado por si mesmo. Con dúas primeiras persoas como voces narrativas (Nano e o Home sen Nome), coñeceremos unha vida desacougante, condicionada pola perda prematura da nai; a presenza da sombra do seu irmán xemelgo; o seu paso por aquel Berlín, onde emerxía o nazismo co que axiña simpatizou e onde coñezou a figuras como Lois Tobío; o seu protagonismo nas sacas da feroz represión do 36 en Compostela ou a súa participación como voluntario na División Azul. A visita de Celia, unha xove guionista, obrigará ao vello sen nome a confesar lucidamente, sen rastro de arrepentimento nin remorso, a súa participación en múltiples fusilamentos (como o de Ánxel Casal ou Xoán Xosé González), torturas e violacións e as súas razóns para facelos…Trátase, en resumo, da que ha ser unha das novelas máis importantes do ano... "Positivamente".