Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVA PROGRAMACIÓN

'Contos dixitais' abre un ano hiperactivo no CGAC

O CGAC presenta a súa programación para o ano próximo: xa este 21 de decembro inaugurou 'Contos dixitais', que analiza as interaccións entre novas tecnoloxías e narración, comisariada por Manuel Olveira. Contos para ler, para ver, para escoitar, para tocar e para xogar. O CGAC presenta o seu máis grande proxecto expositivo desde o seu nacemento: ás pezas de arredor de cincuenta artistas, engádese un amplo programa de actividades que acolle ciclos de cine, programas de video, obradoiros e performances. Nestas datas que xa teñen maxia e volta á infancia de seu, xa podemos ver un enorme arco da vella enriba do CGAC, enchendo o ceo de cor.

- 11:13 22/12/2006
Tags:

Este mes poderemos ver xa inaugurada Contos dixitais, que permanecerá até o 28 de xaneiro nas plantas baixa e primeira do CGAC, no soto e exteriores. É a mostra co maior número de artistas da historia do CGAC, e céntrase en analizar o efecto das tecnoloxías dixitais nas narracións, relatos e contos contemporáneos.

Do 10 de febreiro ao 10 de xuño teremos tres exposicións secuenciais: Mapas, constelacións e puntos de referencia, comisariada por Christina Ferreira, estará na planta primeira. Mediante as metáforas do mapa, planos, cosmogonías, puntos de referencia ou da carta de navegación que permite orientarse de noite ou nunha tormenta, esta exposición tratará de poñer sobre a mesa os novos criterios que unha colección debe manexar de maneira axeitada para atender ao presente. Con fondos do CGAC e da colección ARCO organizarase unha exposición en tres partes e unha publicación que remarque os novos puntos de vista cos que traballar para adecuarse ás novas realidades que a arte reclama.

O 1 de febreiro será xa inaugurada Rexistros e hábitos, que comisaría Nuria Enguita e ficará tres meses na planta baixa e soto do CGAC. A través de pequenas intrahistorias que interactúan, coñeceremos o tecido urbano, os costumes da cidade. É unha mostra colectiva e case xeracional (os artistas naceron nos 70, froito do baby boom e da opulencia consumista). Faise en colaboración coa: Fundación Tapies (Barcelona).

E do 13 de marzo ao 29 de abril, O debuxo nas coleccións públicas de Santiago (comisariada por Monse Cea, Eduardo Valiña e Kiko da Silva) ocupará a planta baixa con espazo dobre e espacios urbanos. Revalorízase o debuxo, sempre deostado como obra menor ou un bosquexo para a verdadeira obra que logo será a escultura, a pintura ou a instalación. Este proxecto resulta da colaboración entre o CGAC e a USC, a Fundación Granell e Auditorio de Galicia para poñer en valor e en coñecemento público os fondos de debuxo de diversas coleccións públicas e privadas da cidade. Cun comisariado coral e cunha estrutura flexible, este proxecto debullará a práctica do debuxo dende a parte más analítica, emotiva, expresionista ou popular, ata aquela máis expansiva na procura de novos medios e novas linguaxes.

Xa na primavera, contaremos cunha exposición de Ignacio Pardo (do 5 de maio ao 1 de xullo), comisariada por Cristina Prego, no soto do centro. Percorreremos nela a andaina deste vídeo artista a través dos anos oitenta, facendo fincapé na súa produción máis experimental (a maestría da edición, a infografía, a estética de finais dos anos oitenta e principios dos noventa...) A exposición completarse cunha obra nova producida in situ para o soto do CGAC.

O 10 de maio inaugúrase Salir a, que estará na planta baixa, o vestíbulo e auditorio do CGAC até o San Xoán. Isabel Aguirre, arquitecta e coñecida paisaxista (actuou xunto con Álvaro Siza Vieira no parque de San Domingos de Bonaval), é a comisaria desta mostra, na que se trata de poñer en valor un feito diferencial como é a paisaxe dende o punto de vista tradicional, social, cultural e, sobre todo, patrimonial. A exposición será inmersiva (constituída fundamentalmente por encargos e proxectos in situ a diversos artistas do land art, da escultura ou da arte en espazos públicos) onde o espectador poderá mergullarse nos ecosistemas, nas sensacións e nas presenzas da paisaxe na vida contemporánea. Terá unha parte sustancialmente importante de intervención no Sil.

Outro verán no parque
A viaxe. Novas peregrinacións é o título da mostra que, do 12 de xullo ao 26 de agosto, estará repartida ente o soto do CGAC e o museo das Peregrinacións. Comisaríaa Marina Toba, e nela recóllense as cerimonias rituais de moitas prácticas artísticas contemporáneas (consistentes moitas veces en peregrinacións), unha especie moi particular de recreación do mundo. Cartografíase, recréase e vivénciase o mundo dende esa cosmovisión: mitoloxías australianas, andainas xacobeas, a obra de Richard Long ou de David Nash... Trátase de camiñar como rito e de camiñar como arte, de representar unha vivencia da realidade mítica e unha intervención no real da man de artistas como Sophie Whettnall, Ignacio Pérez Jofre ou Gabriel Díaz, aos que se lle engade unha selección de obras das coleccións CGAC e ARCO.

Este ano, visto o éxito do anterior verán, repítese Arte no Parque, con Christina Ferreira e Carme Hermo como comisarias, tanto na terraza do CGAC como no parque de Bonaval. Unha selección das esculturas e instalacións dos fondos das coleccións ARCO e CGAC, instalacións sonoras, intervencións performáticas, accións e varios talleres ao aire libre, programas de vídeo e de cine, acompañarán aos viandantes que queiran gozar da arte en contacto coa herba de Bonaval ou baixo o ceo do verán.

No verán tamén teremos a obra de Xabier Toubes (14 xuño – 2 setembro), comisarido por Vincent Mkgourty, na primeira planta. Este ouresán traballa en diferentes soportes, aínda que é coa cerámica coa que conseguiu recoñecemento mundial. Foi director do European Ceramic Work Centre en Holanda, e actualmente traballa como profesor no School of Art Institute de Chicago.

E do 28 de xuño ao 2 setembro, gozaremos tamén dunha exposición sobre a arquitectura contemporánea en Galiza, comisariada por David Chao, Verónica Santos e Rafael Lens, e coordinada por María José Vilalluenga. Nela recóllese e documéntase a produción en termos arquitectónicos e constructivos de Galiza nas tres últimas décadas. Seguindo diversos temas transversais coma o xénero, a relación coa paisaxe, as texturas ou os materiais construtivos, artéllase un percorrido expositivo a través de planos, maquetas, audiovisuais e interactivos que permitan achegar esas realidades construtivas aos visitantes.

Para ir rematando as vacacións, Cuestión xeracional está do 31 de agosto ao 21 de outubro no soto, con Carlos Urroz como comisario. Trinta pezas e doce vídeos de artistas nacionais e estranxeiros nacidos na súa maioría na década dos 60 artéllanse en torno a tres eixos: a visión da cidade, con imaxes de Frank Thiel, Pierre Huyge, Sarah Morris, Vik Muniz, Tobias Rehberger ou Ester Partegás; obras nas que as referencias temporais de pasado e futuro se mesturan (Tacita Dean, Mariko Mori ou Angela Bulloch); e a tensión na imaxe. Tanto pola composición ou o momento no que están tomadas, as imaxes obrígannos a unha segunda lectura, a completar un final aberto e ás veces escuro.

Outono para a reflexión
As relacións de xénero estarán patentes na mostra que se inaugura o 7 de setembro, con Juan Vicente Aliaga como comisario, na primeira planta do CGAC. Dende mediados dos anos 70, nos contextos de produción e axitación cultural anglosaxóns, diversas artistas e teóricas se involucraron na tarefa de desvelar o artificio das convencións de xénero. Ese labor de de-construción das diversas correntes feministas, de estudos de xénero e postcoloniais son contrapostos á realidade actual.

Susan Philipsz (13 setembro – 11 novembro) estará na planta baixa e auditorio, ademais de en diferentes intervencións exteriores en xardíns de pazos galegos. A artista escocesa coñecida polas súas instalacións sonoras nas que xunta a herdanza da performance, da escultura, da instalación espacial e da música tradicional do norte de Europa ou da popular, presenta unha recopilación dos seus traballos e unha serie de accións in situ. A súa acción, espida e desveladora de aspectos formais e emocionais, coexistirá tranquila coa obra de Siza, co outono e a intimidade dos xardíns.

Outra vez... Proxecto Edición
O ano que vén volveremos gozar desta iniciativa. Comisariada por Manuel Olveira, a segunda edición, centrada na contrainformación, dará comezo o 31 de outubro e estará no soto do CGAC até o 9 de decembro.A sociedade da comunicación e da información baseada nas tecnoloxías dixitais de telepresenza fannos sentir perpetuamente conectados e informados. Ademais, un dos requisitos das mediocracias e do sistema capitalista é o dereito á pluralidade informativa. Pero por un efecto de concentración fai que os grupos dos medios de comunicación de masas sexan cada vez máis grandes, coa conseguinte uniformización da oferta informativa. Se a iso lle engadimos que a maioría dos grandes grupos pactan entre si os tempos publicitarios, os temas e a forma de tratalos, a consecuencia é que a pluralidade resulta inexistente. Para horizontalizar a relación emisor-receptor, son necesarias estratexias de contra-información que son as que serven de base para as obras dos artistas seleccionados como María Ruido, Paco Cao, Dora García... este proxecto faise en colaboración coa Fundación Luis Seoane e o MARCO.

E xa para rematar o ano, do 15 novembro a xaneiro do 2008, coñeceremos de preto ao artista vigués Lodeiro. Román Pereiro e Alberto González-Alegre dirixen un proxecto que comisarían María Pose e Miguel Anxo Rodríguez. Esta exposición antolóxica divídese en tres series temáticas: paisaxes psicodélicas, sexo e retratos. A mostra fará fincapé no rigor de historiador e de documentalista, percorrendo as fontes documentais e orais e recurrindo á socioloxóa do mundo da arte nos anos setenta e oitenta en Galiza para poder entender ese momento de cambio político, económico e cultural.

E por último, de aquí nun ano poderemos ver unha mostra sobre a historia do vídeo en Galiza: do 13 de decembro do 2007 a febreiro do 2008, comisariada por Lola Dopico e Fernando Cabezas, e coa coordinación de Christina Ferreira. Coñeceremos a avídeo arte en Galiza dende os oitenta e a súa fusión con outros soportes (videoclips, televisión, etc...). Nesta mostra, o CGAC colabora co CGAI e a Escola de Imaxe e Son da Coruña.


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: