Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BERROBAMBÁN ESTREA BUH!

O medo con nariz de pallaso

"A quen non lle gusta compartir o medo cos amigos e coas amigas, sentir xuntos as cóxegas no estómago, os arrepíos nas costas?" A ninguén lle gusta falar cos nenos e coas nenas sobre o medo, pero ás veces é tan divertido... Que acontecería se o medo levase nariz de pallaso? Pode o medo rir de si mesmo? Podémonos rir do medo? Buh!, a última proposta de Berrobambán Teatro, estréase o venres 15 de decembro ás 20:30h na Casa da Cultura de Serra de Outes. A entrada será gratuíta até completar a capacidade. Logo estarán en Compostela (o día 30 no Salón Teatro e no Principal do 10 ao 12, do 15 ao 19 e o 22 de xaneiro), no Gustavo Freire de Lugo (o 2 de xaneiro), no Centro Caixanova de Vigo (o 28), no Auditorio de Cambados (o 11 de febreiro), na Sala Bahía, de Foz, o 3 marzo, na casa da cultura muradá o 22 e 23 de abril, no auditorio de Ribadeo o 3 de maio, no teatro Lauro Olmo do Barco o 11, no Auditorio de Bertamiráns o 13 e 14, e, para rematar, o 8 de xuño no Auditorio de Vigo-

- 10:46 15/12/2006
Tags:

Berrobambán nace no ano 95 como unha Asociación Teatral co obxectivo de potenciar diferentes manifestacións artísticas e culturais, entre as que destacaría o teatro. Hoxe, Berrobambán teatro é a compañía galega con maior traxectoria en teatro infantil de actores e actrices. Desde a súa profesionalización, a compañía presentou os seguintes espectáculos destinados a público infantil: Diariamente, en cartel dende o ano 2000, Dous contos sen final e un final por fin, no 2001, e no 2002 o concerto Movementos para trasnos e trastes. No ano 2006 o renovado Centro Dramático Galego encarga a membros de Berrobambán a montaxe para a público infantil A Cabana de Babaiagá.

Ademais do seu traballo dedicado a público infantil a compañía ten aberta unha liña de traballo orientada a público adulto con obras como NdC, estreada no ano 2001 a partir de textos de Rodrigo García, ou o espectáculo de cabaré punkarra Vendetta, estreado no ano 2004. Berrobambán está comprometida coa promoción da cultura galega e desenvolve proxectos con este obxectivo como a posta en marcha da primeira programación estable de teatro familiar en Galicia chamada Asteroide B-612 e que se desenvolveu nas cidades de Santiago de Compostela e Ferrol. Durante 2006 a compañía estivo a traballar tamén no Circo-lar, a programación familiar do proxecto A Cultura Circula.

A directora desta montaxe, Paula Carballeira, traballa para público infantil dende diferentes eidos da creación artística. Ten publicados doce libros de literatura infantil e xuvenil traducidos a seis idiomas. Recentemente gañou o I premio Manuel María de Texto de Teatro Infantil convocado polo IGAEM coa obra Boas Noites. Ten dirixido espectáculos destinados a cativos e cativas tanto para a súa compañía, Berrobambán, como para outras compañías como Talía (Mundos Contados) ou o Centro Dramático Galego (A Cabana de Babaiagá). Ademais é especialmente coñecida como contadora de contos en circuítos nacionais e internacionais e como actriz en series de televisión como Pepe o Inglés ou Libro de familia.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: