Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EXPOSICIÓN DE IMPLICAD@S NO DESENVOLVEMENTO

Unha boutique alternativa

Unha moza que se mira ao espello co seu baratísimo pantalón novo e ve unha chea de mulleres escravizadas nun taller. Unha camiseta con textos cosidos nos que teñen voz e nome todas as explotadas. Unha mestura caótica de "chourizos" de tea, perrucas, bonequiños, cabichas e alfinetes que leva o selo inconfundíbel de Las Pingüinas, ou a chaqueta de Andrea Costas, feita con etiquetas. Tres poemas de Moda galega, de María Reimóndez. Son algunhas das pezas "exclusivas" que podemos atopar en Maquila Boutique, unha exposición organizada por Implicad@s no Desenvolvemento e coordinada por Mar Caldas e Andrea Abreu, na que dez artistas plásticas galegas denuncian, a través da propia roupa, a explotación das persoas que traballan no sector téxtil.

- 12:46 18/12/2006
Tags:

A Galería Sargadelos de Compostela acolle dende o venres 15 até o 21 de decembro unha exposición moi especial: trátase das pezas elaboradas por dez artistas plásticas galegas para denunciaren a explotación que viven moitas mulleres, nenos e nenas en todo o mundo por parte da industria téxtil. Organízaa Implicad@s no desenvolvemento, como unha actividade máis de Implic-Arte, complementaria a Implícate! Noite da Palabra e da Música Solidarias. Nesta instalación a modo de tenda de roupa expóñense quince pezas, creadas a partir de roupa usada de compañías sobre as que existen informes de explotación laboral nos países do Sur.



Implic-Arte é un proxecto de InD no que se busca a colaboración con artistas de distintas disciplinas, para implicar ao mundo da arte e da cultura na cooperación ao desenvolvemento, na mesma liña có festival "Implícate!" Agora está en Compostela, pero agardan trasladala a outros puntos da xeografía galega para poder visibilizar unha situación sobre a que os consumidores teñen capacidade de decicir, como indicou María Reimóndez: "a industria téxtil é das máis explotadoras. E non é unha realidade tan afastada a nós: como galegos e galegas temos unha responsabilidade". A figura de Renata Otero parece incitar a esa reflexión sobre o consumo: unha moza feita en madeira serigrafiada proba un pantalón (real) perante o espello, e mira a etiqueta: o pantalón custa 7.99 €. No espello, a silueta da rapaza contén imaxes de mulleres chinesas cosendo nun taller sen descanso e baixo a presión dos xefes berrándolles. Renata, presente tamén o día da inauguración, salientou o importante que é para ela "que a arte se poida converter en plataforma para crear denuncia".

Como explica a comisaria, Mar Caldas, as intervencións foron sobre roupa xa feita, e mesmo usada, de marcas especialmente coñecidas pola súa metodoloxía. Sobre elas traballouse con texto, imaxe, pintura... "Máis alá do estético".


A primeira instalación que atopamos na sala, unha escultura tridimensional de Las Pingüinas (Natalia Umpiérrez e Sara García) non ten nada de bonito: cabelos artificiais, unha sorte de chourizos feitos con tea vermella, anacos de plástico e materiais do lixo, como cabichas, e alfinetes, nun remexido anguriante.

A propia Mar colaborou cunha peza de seu: unha camiseta negra na que comezou a bordar un texto con fío dourado, "Occidente", e lle queda a medias, coas agullas cravadas na tea. A seguir, atopamos a chaqueta de etiquetas de Andrea Costas, unha fotógrafa viguesa moi nova que experimenta tamén coa performance e a instalación.

Ademais, dúas das artistas traballaron coa serigrafía: Carme Suárez bordou textos e serigrafou imaxe sobre traxes de muller, e Itziar Ezquieta (quen tamén participou no acto inaugural) traballou sobre dúas camisetas: unha negra cunha enorme avelaíña e outra branca, cun corazón (a representación naturalista do órgano) e texto. Carme Nogueira creou unha marca propia, "Saladitas", e traballou con ela en tres camisetas expostas como o estarían nunha tenda convencional: unha sobre un manequín e outras dúas no estante.

Berta Cáccamo pintou sobre unha camiseta púrpura, estendida como un lenzo, e por último, Rosalía Pazo Maside bordou nomes de mulleres e coseu textos traducidos de Nube de algodón. Cartas dende a máquina de coser, sobre unha blusa vermella.

Almudena Fernández Fariña vestiu un manequín cunha saia de cadros e unha camiseta con palabras como "salarios", "seguridad", "educación"... Todo o que dende esta exposición reclaman para todas as persoas explotadas neste sector.


Por último, tres poemas de Moda galega, de María Reimóndez, pechan a exposición. Aquí vos reproducimos un:
"Con toda a roupa
que as galegas consumimos
na nosa vida
poderiámoslle
facer un abrigo de inverno
á terra.
¡Que curriña había estar
para as marcianas
o planeta azul convertido en multicolor!"


Documentos

Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: