Dous filmes galegos están nomeados aos premios Goya, da academia española do cine, na categoría de mellor produción de animación. Son De profundis, de Continental, e Pérez, o rato dos teus soños, de Filmax. O primeiro, dirixido por Miguelanxo Prado, combina as imaxes do propio Prado e a música composta por Nani García para amosar a imaxinativa viaxe ao fondo do mar dun pintor que quere ser mariñeiro. A película estrearase en salas de toda España o vindeiro 19 de xaneiro.
A outra candidata galega é Pérez, que conta a historia do famoso roedor que cambia por agasallos os dentes que lles caen aos nenos. O filme mestura imaxe real con animada. Esta última parte foi realizada integramente no noso país, nos estudios de Bren Entertainment, en Compostela. Estrearase este venres.