Case nada! Un mito da historia do rock como Elliott Murphy ou artistas máis novos pero xa convertidos en clásicos: o texano Micah P. Hinson ou Matt Elliott (alias The Third eye foundation), ademais de Manyfingers, Will Johnson e os escoceses Camera Obscura, soarán no próximo mes en Galiza grazas á Fundación Caixa Galicia e a proposta Vangardas Sonoras.
Comeza este ciclo co incombustíbel Elliott Murphy, con trinta anos sobre os escenarios, no Café Moderno de Pontevedra, este xoves 11 de xaneiro, ás nove. O ciclo caracterízase por escoller pequenos auditorios para presentar neles a músicos de primeiro nivel do circuíto internacional do pop e do rock. O prezo único de cada un destes concertos é de cinco euros (á venda xa na web de Caixa Galicia).
O día 26 deste mesmo mes será Compostela, na Aula Sociocultural Caixa Galicia, a que acolla o segundo dos concertos ás nove da noite: Micah P. Hinson, aos seus vinte e cinco anos e con dous discos xa arrasou en canto a público e crítica. Estará acompañado por Will Johnson, membro de bandas tan importantes como Centro-matic, South San Gabriel ou The Undertow Orchestra. Xa en marzo, o día 23 ás oito e media, repite actuación, pero desta volta acompañado por Manyfingers, na Sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña. Presentará o seu novo disco, Failing songs.
Xa en abril, Camera Obscura, que veñen dende Glasgow, que pecharán este ciclo con dous concertos: o 27 de abril ás oito e media na Sede da Fundación na Coruña, e ao día seguinte ás nove no Teatro Principal compostelán.
Unha lenda viva do rock
Neoiorquino residente en París, expatriado da "gran mazá" e das grandes discográficas multinacionais, moitos considérano hoxe un dos máis apaixoados, profundos e intelixentes compositores dos últimos tempos: Elliot Murphy leva trinta e tres anos en activo, durante os que publicou maís de trinta álbumes e se arrodeou de figuras como R.E.M., Lou Reed, Tom Petty, John Mellencamp, Elvis Costello ou Bruce Springsteen. Logo de debutar con Aquashow, o xenial cantante e guitarrista amosou un estilo propio e xenuíno, un universo poético de seu, e certa mestría á hora de contar historias. Agora vén homenaxear o blus, acompañado polo virtuoso guitarrista Olivier Durand. Presentaranos Murphy gets Muddy, disco no que o noso artista percorre os clásicos do blues do século XX e achega cinco temas orixinais.