Vacuo xa foi presentado este xoves 4 de xeito moi singular, na lonxa da Coruña. Esta fin de semana é a estrea desta peza, debut do CCG, no Teatro Rosalía de Castro, na mesma cidade. Este domingo 7 teremos oportunidade de gozar deste espectáculo ás oito e media da tarde. Esta peza coreográfica de Maruxa Salas move a dez bailaríns no terreo dos sentimentos e emocións: música, espazo escénico, iluminación, vestiario e vídeo forman parte activa dunha composición metafórica que relaciona a degradación da natureza coa da alma humana.
A ourensá Maruxa Salas, directora xunto a Iván Pérez do proxecto Neodans, fora xa premiada como bailarina sobresaínte no III Certame de Creación Coreográfica de Galicia (2005), convocado polo IGAEM. Desta vez é ela quen dirixe aos bailaríns (María Pilar Abaurrea, Pablo Aradillas, Lorena Ballesteros, Elena Conesa, Alexis Fernández (Maca), Carmela García, Miguel Ángel Llorenç, Kirenia Martínez, Cristina Miralles, Gustavo Muñiz, Amparo Novas, Matilde Pedreira, Ana Beatriz Pérez, Caterina Varela, e Iván Villar).
Despois da estrea na Coruña, Vacuo pasará polo Salón Teatro compostelán, o Centro Cultural Caixanova de Vigo, Narón, O Barco, Tui, Ribadeo, Cangas ou Ourense.
Danza, circo e teatro
Todas as disciplinas a escena esta fin de semana! Ademais da danza, poderemos gozar do circo: Os Colombaíños estarán co seu espectáculo de música, malabares, zancos e acrobacia no Forum metropolitano da Coruña, ás cinco e media. O Sr. Retrinco decide pechar o seu circo, en plena crise económica. Pero os seus pallasos, Os Colombaíños, ofrécense para sacar adiante a que pode ser a derradeira función do vello Circo do Retrinco.
E en Ourense poderemos gozar de Mayumaná, un espectáculo único, que explora unha nova linguaxe escénica e no que o ritmo e o humor son ingredientes imprescindíbeis... Danza, música, movemento, teatro, humor, enerxía e moito ritmo... Haberá funcións o día 6 ás oito e dez e media, e o domingo 7 ás seis e oito e media, todas na sala principal do Auditorio Municipal de Ourense. O prezo é de 25 € no patio de butacas e 21 no anfiteatro.
Entrementres, o CDG leva a súa peza de Bernard Marie Koltés, O regreso ao deserto, ao Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, o domingo 7 ás nove da noite. Nesta peza dirixida por Cristina Domínguez abórdase a guerra de Alxeria, colonizada por Francia, nos 60. A través dos personaxes dunha familia coñecemos o exilio, o desarraigo, e tamén a vinganza.