A sala Nasa presenta un ciclo que trae música e teatro da outra beira do Miño (e do Xurés), o máis novo que se está a facer en Portugal, fuxindo dos estilos e dos formatos máis tópicos. Coñeceremos a cara máis contemporánea e plural da cultura portuguesa, co obxectivo de que se normalice a presenza das artes escénicas portuguesas na carteleira galega e se promova un contacto directo entre os creadores dunha e doutra banda. Algo semellante ao proposto por Audiência Zero (que, por certo, estrea web o día 15), no seu Proxecto Eixo. Para abrir boca, a música electrónica de Bangguru e dos "apologhiteiros" Trabalhadores do Comércio. Lembrades as súas Febras do sábado à noite?
- 09:18 11/01/2007
Tags:
Portugaliza celébrase dende 1995 sen unha periodicidade regular, pero xa é unha ponte de comunicación estábel coa escena portuguesa. Dende o 2005, conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, o que garante a súa continuidade.
Entre os grupos que teñen habitado esta Portugaliza constan Trigo Limpo, de Tondela, os lisboetas A Barraca, Útero Teatro e Olho, dende Porto, Teatro Art’Imagem, Teatro de Marionetas do Porto, Unu e Balleteatro, Teatro da Serra de Montemuro, Projecto Buh! dende Coimbra, Vozes da Rádio, Quinteto Tati, Microaudiowaves... Velaquí o interesante programa para esta edición.
Xaneiro:
Sábado 13 ás 23:00 A música electrónica dos lisboetas Bangguru chega á Nasa. João Pico, Marisa Fortes, João Hora, Pedro Henriques e José Dias montaron no 2003 este proxecto de música baseado no rock e na electrónica. Voces, guitarras, programacións e samplers crean "imaxinarios reais". Comparados xa con Goldfrapp, Hooverphonic, Portishead, Kings of Convenience ou Esbjorn Svensson Trio, o colectivo Bagguru preserva, sobre todo, unha identidade moi particular e nos seus directos preséntase cunha forte vertente gráfica e audiovisual.
Xoves 18 ás 22:00 O grupo de rock Trabalhadores do comércio chega dende Porto: Sérgio Castro, Álvaro Azebedo, João Médicis, Miguel Cerqueira e o pianista Jorge Filipe Santos son pioneiros do rock luso, acompañaron a Siniestro Total no seu primeiro concerto en Vigo en 1981 e con eles comparten unha visión desenfadada, divertida, independente e iconoclasta da música. Nos 80 cantaba o sobriño de Sérgio Castro, João Luis Médicis, coñecido como "o puto", entón con 7 anos. Temas como "Chamem á polícia", ou "Sim, soue um gaijo do Puarto", "Haxixa na brasa" e "Taqetinho ou Lebas no focinho" foron un éxito. No 90 gravan Sermoes a todo o rebanho, coa colaboración de moitos músicos galegos, se cadra o primeiro disco verdaderamente galaico-portugués. Agora, trinta anos e algúns cabelos brancos despois os "gajos do puarto" voltan a dar que falar e publican un novo disco de orixinais. Aínda os vimos hai pouco na gala de Apologhit.
Venres 19 e sábado 20 ás 22:00: Chega o Teatro de Marionetas de Porto con Nada ou o silêncio de Beckett. João Paulo Seara Cardoso dirixe unha obra que conta coas marionetas e vestiario de Júlio Vanzeler, a luz de António Real, a música de Roberto Neulichedl, e a produción de Mário Moutinho. Rui Oliveira, Sérgio Rolo e Marta Nunes. interpretan a Willy e Winnie, a parella de Días Felices ou Didi e Gogo, os vagabundos que están Agardando a Godot, aparecen outras criaturas menos famosas.
Martes 23 ás 21:30Trigo Limpo tráenos a música popular portuguesa en Cantos da língua, unha obra que conta coa actuación de Carlos Peninha, José Rui Martins, Lydia Pinho, Mariana Abrunheiro, e Miguel Cardoso. A dirección Artística corre a cargo de José Rui Martins e Mariana Abrunheiro, e a musical, de Carlos Peninha. Trigo Limpo están de novo en Galiza para celebrarmos con eles os seus 30 anos de existencia, de resistencia e de achegamento. Con estes seus cantos queren lembrar a todos os que en Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, Portugal, Sao Tomé e Príncipe, Timor-Leste e Galiza falan un mesmo idioma.
Xoves 25 ás 22:00 Volven Trigo limpo, esta vez con Duas histórias de solidão: a partir de "do avesso e do direito" de Eduarda Dionísio e de "o mal de Ortov" de Jaime Rocha, Pompeu José dirixe a Raquel Costa e Ruy Malheiro nun espectáculo que tenta esencialmente contribuir ao desenvolvimento da dramaturxia en língua portuguesa e, ao mesmo tempo, levar á descoberta de personaxes que axuden a reflectir sobre os distintos sinais da "portugalidade" contemporánea. Unha personaxe feminina reinventa o pasado através do que ten gardado na súa memoria esburacada. Relembra principalmente un compañeiro e amigo do período revolucionário despois do 25 de abril. El é agora membro do goberno. Na segunda historia, un personaxe masculino, Ortov, é tamén un desesperado. Toma o público como testemuña dun crime que non sabemos se cometeu.
Venres 26 e sábado 27 ás 22:00 Peripécia teatro, unha compañía transnacional radicada en Macedo de Cavaleiros (Bragança), foi fundada no 2004 por dous actores españois e un portugués. Tráennos Ibéria, a louca história de uma península. Noelia Domínguez, Sérgio Agostinho, Ángel Fragua botan man das técnicas do clown, do mimo e do teatro físico para faceren un irónico percorrido histórico pola historia da Península.
Ademais, gozaremos dunha exposición de fotografías que reúne as memorias de 26 retratos de persoas maiores de todas as parroquias do Concello de Tondela, no interior de Portugal.