Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O CONCELLO PRESENTA 'LITERACTÚA'

Literatura máis viva ca nunca en Carballo

Ler un libro cada trimestre e poder gozar dunha conversa co autor ou autora, no ambiente cordial e íntimo dun bar: un proxecto tan sinxelo como interesante, que saca a literatura da "aura" para levala á rúa, familiarizala connosco. A Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística do Concello de Carballo acaba de presentar unha novedosa iniciativa para fomentar o libro e a lectura en galego: Literactúa nace coa vontade de darlle continuidade ao fomento da lectura e tecer pontes con outras propostas como Praza dos Libros, a Semana do Libro e a Lectura, Libros Ceibes...

- 11:40 12/01/2007
Tags:

No Concello de Carballo xa era habitual desenvolver actividades relacionadas coa animación á lectura. Como explica Nel Vidal, técnico de normalización lingüística, "Praza dos libros, a Semana do Libro e a Lectura, en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte, ou libros ceibes, que tamén consistía en levar a literatura aos bares. Pero eran todas elas actividades moi puntuais, e buscabamos unha que tivese maior continuidade no tempo".

Literactúa quere ser un proxecto aberto, dinámico e participativo, que vaia adquirindo novas actividades, e implicando ao maior número de persoas, entidades, colectivos... "Segundo vexamos como funciona, pódese pensar en amplialo a novas actividades ou novos públicos, como o infantil, pensar nun programa para os centros de ensino...", explica Nel. A proposta é ben sinxela: cada trimestre proponse a lectura de tres libros, un por mes, hai un período de difusión para que a xente interesada en participar merque o libro ou o colla na biblioteca, e o último mércores de cada mes, o autor ou a autora do libro proposto vai a Carballo para participar nun acto de conversa cos seu lectorado nun estabelecemento hostaleiro da localidade.

As propostas danse a coñecer por medio do blog do programa, e de marcapáxinas tan bonitos como ese que se pode desacargar nos anexos da dereita, e que estarán distribuídos por todo o concello, especialmente nas librarías, bares e edificios municipais... "Dirixímonos á xente máis nova e tentamos fuxir do circuíto habitual das presentacións de libros. Estas actividades van moito máis alá. Queriamos fuxir de locais máis sacralizados e ir onde vai a xente: aos bares". Para abrir boca, este trimestre contamos cos últimos premios Xerais de Novela: o do ano pasado, Tres segundos de memoria, de Diego Ameixeiras, e Herba Moura, de Teresa Moure. E, xa en marzo, a innovadora Spam, de Francisco Castro.

Así, o novísimo autor das aventuras de Horacio Dopico, que agora sorprendeu cunha novela xeracional, Diego Ameixeiras, estará o mércores 31 de xaneiro, ás oito e media, no Pub Silfo. Teresa Moure falará da súa novela, na que entretece a vida de mulleres que foron invisibilizadas, o mércores 28 de febreiro, á mesma hora, no Café Valle Inclán. E Francisco Castro, que mantén o blog A canción do náufrago e acaba de publicar Spam, estará o mércores 28 de marzo, ás 20.30 h no Café Taberna O'Patacón. Co proxecto colaboran as librarías Brañas, Trasgo, Teldy e Villar, ademais dos cafés Colón, O'Patacón, Valle Inclán, as cervexerías Dublín e San Xoán e o Pub Silfo.

Nel Vidal conta que hai preparada unha lista duns vinte libros, aínda que só poden concretar os deste próximo trimestre. "Pensamos en María Reimóndez, Manuel Rivas, Suso de Toro... O máis actual da literatura galega". Unha idea ben innovadora. Literactuamos?


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: