A Asociación Cultural O Facho entregaralle o Facho de Ouro a Avelino Pousa Antelo, este sábado ás nove da noite, no Hotel Riazor da Coruña, no transcurso dunha cea. O actual presidente do Museo do Pobo Galego viviu de preto o proceso de propaganda do Estatuto, a creación das Mocedades Galeguistas e da Misión Biolóxica de Galicia. Desempeñou un papel fundamental no desenvolvemento agrícola e no ensino, do que foi apartado durante a guerra civil. Aos seus 92 anos, a súa memoria continúa máis viva ca nunca, e non deixa de ter presentes aos que foron os seus compañeiros de loita, como Ánxel Casal.
Naceu en San Xoán da Barcala (A Baña), en 1914, nunha familia de nove irmáns. Estudou no Seminario compostelán, seis anos na Universidade Pontificia Compostelá Maxisterio, fixo dous cursos de Comercio en Lugo e foi Xerente de Cooperativas en Zaragoza. El estaba no Mitin de Prooción Galega que se celebrou no 31 no Teatro Principal compostelán, escoitando a Paz Andrade, Vilar Ponte , Castelao ou Carballo Calero.
Afiliado ás "Mocedades Galeguistas", co seu amigo Isaac Díaz Pardo, tomou parte na propaganda do Estatuto de Autonomía de 1936 xunto ao aclcalde de Santiago e editor Ánxel Casal. Colaborou coas sociedades agrarias barcalesas, e no 46 foi bolsado á Misión Biolóxica de Galicia ("que logo estragaría a guerra civil") para prepararse para dirixir a Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Ortoá (Sarria) que comezou o 1 de xaneiro de 1948. Foi o xerme dos Cursos Agropecuarios para mestres rurais que se celebraron en Lugo até 1971, cando faleceu Antonio Fernández López, que os financiaba. Durante a guerra civil, foi inhabilitado para exercer como mestre, por "perigoso roxo separatista". Non foi até o 44 que conseguiu traballo en Lugo, onde casou.
En Orotava (Tenerife), onde marchou no 55, foi mestre e Técnico Agrícola do Laboratorio do Cabido Insular. Regresou a Galiza en 1960 para traballar como técnico de SEMISA, empresa productora de semente, pero pronto marchou a Zaragoza, onde dirixiu a empresa gandeira AIVESA. Nesa época obtén os premios xornalísticos Ramón Mourente e Luís Sánchez Harguindey, de temas agrarios. Xa no 70, incorpórase ao grupo escolar de Pontecesures, e alí traballou até xubilarse, no 83. A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias outórgalle en 1998 a Insignia de Ouro e Esmalte da Unión de Cooperativas.
Foi nomeado Padriño de Honra da primeira promoción de diplomados da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago (1999) e da promoción de 2002 da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (UVI). En 2000, a Universidade Compostelá outorgoulle a súa Insignia de Ouro. Actualmente é presidente da Fundación Castelao, vicepresidente da Fundación Fernández Florez e vocal das Fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda.
Colaborou durante 30 anos en "La Voz de Barcala" —órgano da Federación Agropecuaria do Distrito de Negreira—, publicou varios artigos (en "Faro de Vigo" ou "La Noche") e libros como Temas de Agricultura (1951), Cooperativa de explotación comunitaria para unha parroquia rural (1968), ¿Valen ou non as cooperativas comunitarias para o campo galego? (1971), Reforma das Estructuras Agrarias de Galicia (1971), A Escola Agrícola de Granxa Barreiros (1988) e Galicia, tarefa urxente (1992).
Para participar na cea, cómpre pagar 25 € e facer as reservas no 981 269 663 polas tardes ou en lobezan@yahoo.es.