Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O CGAI PRESENTA 'PIONEIROS DO CINEMA'

As orixes do cinema galego, no Teatro Principal de Compostela

Os tres filmes máis antigos da cinematografía galega serán proxectados o vindeiro mércores 24 no Teatro Principal. O CGAI e a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia inician así o ciclo 'Pioneiros do cinema', que levará por toda Galiza os documentais Botadura del acorazado Alfonso XIII (1913) e O Ano Santo en Compostela (1915), e máis o filme de ficción Miss Ledya (1916). A proxección destes filmes mudos no Principal, ademais, contará cun repertorio orixinal e específico de Abe Rábade Trío, que acompañará o visionado co piano como se facía antigamente. Este evento será gravado para a súa distribución.

- 18:09 24/01/2007
Tags:

O director xeral de Comunicación Audiovisual presentou este ciclo, que ten como obxectivos fundamentais descentralizar a difusión do cinema con respecto ao CGAI e á cidade da Coruña, e espallar e dar a coñecer o noso patrimonio audiovisual. Poderemos gopzar das primeiras imaxes en movemento conservadas sobre Galiza, que corresponden a un noticiario que recolle a chegada a Ferrol da comitiva real para asistiren á botadura dun acoirazado. O filme foi recuperado por Guillermo Escrigas e depositado no CGAI no 1917. É unha produción da barcelonesa Ibérico films, de 75 metros de fita en branco e negro, cunha duración de tres minutos. É curioso como os encadres das imaxes lembran a L'Arrivée d'un train en gare de La Ciotat, dos irmáns Lumière. Por outra banda, gozaremos de outro documental: O Ano Santo en Compostela, de produción portuguesa (Invicta Film, de Porto), recolle distintas procesións e peregrinacións a Santiago de Compostela. Compóñena 342 metros de metraxe en branco e negro que foron restaurados en colaboración coa Cinemateca Portuguesa.

Por último, o primeiro filme galego de ficción, Miss Ledya, do vigués José Gil, inspírase nun argumento de Rafael López de Haro, e conta con Afonso Rodríguez Castelao entre o elenco. O filme foi restaurado pola Filmoteca Española e o CGAI a partir de material recuperado polo Museo Provincial de Pontevedra. Para porlle son a estes filmes, aínda unha década anteriores aos comezos do cinema sonoro, contaremos cun dos mellores músicos do jazz galego, Abe Rábade, quen sentará ao piano acompañado por Bruno Pedroso á batería e o contrabaixista Nelson Cascais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: