Xa coñecemos a lista de filmes que optan aos Óscar deste ano. A cerimonia celebrarase o próximo 25 de febreiro, e pola alfombra vermella han desfilar as estrelas protagonistas de 57 filmes de diversas nacionalidades. Entre as que teñen maís posibilidades figuran a coprodución de México e España O labirinto do fauno, unha historia que mestura a fantasía coa crúa realidade da posguerra, con seis candidaturas; o repaso á carreira das Supremes, protagonizado por Eddie Murphy e a cantante Beyoncé, Dreamgirls, con oito candidaturas, e Babel onde varias historias se entrecruzan na interculturalidade, con outras oito. Aquí podemos ver o trailer:
As actrices de Babel Adriana Barraza e Rinko Kikuchi optan as dúas ao Óscar á mellor secundaria. O filme está nomeado tamén na categoría de mellor película, onde compete con The departed, Cartas de Iwo Jima, Little Miss Sunshine e A raíña. Outras candidaturas son á mellor dirección (a de Alejandro González Iñárritu), Edición ou Banda Sonora (ca qe se encargou Gustavo Santaolalla).
Pola súa parte, O labirinto do fauno, de Guillermo del Toro, é candidata á mellor dirección artística, maquillaxe, banda sonora, fotografía e, xunto con outros catro filmes, está nomeada ao mellor filme de fala non inglesa. Nesta categoría concorren tamén Indigènes, do alxeriano Rachid Bouchareb, na que conta o drama das tropas que loitaron por Francia na II Guerra Mundial; a danesa After the wedding, de Susanne Bier; a alemá A vida dos outros, de Florian Henckel-Donnersmarck, gañadora do premio do público no último Cineuropa; e a coprodución canadense e hindú Auga, de Deepa Metha, na que un grupo de viúvas hindús queren fuxir da tradición que as condena.
E Dreamgirls é candidata á mellor canción con nada menos que tres temas da súa banda sonora, ademais de optar ao Óscar ao mellor actor de reparto (Eddie Murphy, quen resucita ao mesmo James Brown, finado hai un mes) e á mellor secundaria (Jennifer Hudson). Son, dirección artística e deseño de vestiario son outras das posibilidades deste filme para levar estatuíñas.
Os máis destacados
Os premios máis cobizados teñen entre a súa lista de candidatos varios nomes hispanos nesta edición dos premios de Hollywood: ademais das posibilidades d'O labirinto, Penélope Cruz pode obetr o Óscar á mellor actriz polo seu papel en Volver, de Pedro Almodóvar. Aínda que non o ten doado: enfróntase a Kate Winslet (pola esposa e nai descontenta coa vida de Little children); Judi Dench, a profesora delatora en Notes of an scandal, que xa levara a estatuíña pola súa interpretación da raíña Isabel I en Shakespeare in love; falando de raíñas, Helen Mirrer, que interpreta a Isabel III en The Queen, é outra das rivais. E por último, Meryl Streep pode levar o seu terceiro Óscar como protagonista por O demo viste de Prada, despois de Kramer versus Kramer e A decisión de Sophie.
En canto aos actores, optan ao Óscar Leonardo Di Caprio, que encarna a un dos protagonistas de Blood diamond, Ryan Gosling, na súa primeira candidatura, polo adestrador de baloncesto que protagoniza Half Nelson, Peter O'Toole, na súa oitava candidatura (aínda que obtivo un Óscar de Honra no 2002), por Venus, Will Smith por A busca da felicidade e Forest Whitaker, pola súa interpretación do dictador de Uganda Idi Amin n'O último rei de Escocia.
E os mellores directores son de novo Alejandro González Iñárritu por Babel, o consagrado Scorsese por The departed, Clint Eastwood, un dos "duros de Hollywood" que non deixa de arrasar nos Óscar dende que cambiou de bando e se puxo detrás da cámara: Sen perdón, Mystic river e Million dollar baby dan boa fe, e queda agardar a ver a sorte deste novo filme bélico, Cartas de Iwo Jima. Tamén concorren Stephen Frears con The Queen e Paul Greengrass con United 93.
Atopamos nova presenza hispana nas curtametraxes: Binta e a grande idea, de Javier Fesser, unha historia sobre a realización das mulleres en África contada por unha cativa, e Eramos poucos, de Borja Leceaga, compiten con Helmer and son, de Soren Pilmark, The saviour, de Peter Templeman, e a comedia musical West bank story, de Ari Sandel. Para ver a lista completa de candidaturas, miren na páxina dos Óscar, onde tamén poderán consultar eventos sobre a historia destes premios ou facer as súas apostas sobre os gañadores. Será o 25 de febreiro cando escoitemos aquilo de "And the winner is..."