Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MORRE EN VARSOVIA AOS 75 ANOS

Adeus a Kapuscinski

Esta madrugada morreu en Varsovia un dos periodistas máis relevantes do século XX: Ryszard Kapuscinski naceu nunha Polonia que non tardou en padecer as consecuencias da II Guerra Mundial, o que marcaría a súa infancia e faría del un dos xornalistas máis comprometidos coa xustiza e as persoas máis desfavorecidas: cubriu varios conflictos en diferentes países, cultivou ensaio e novela, e foi profesor en varias universidades. Como o Heródoto ao que homenaxea na súa última obra, foi un viaxeiro curioso e incansábel. Unha grave enfermidade puxo fin á súa vida con 75 anos.

- 17:41 24/01/2007
Tags:

Naceu en Pinsk cando aínda era parte de Polonia (agora é bielorruso), o 4 de marzo de 1932. Onte morreu en Varsovia un dos máis insignes xornalistas e escritores do século XX. Formado en Historia e arte na capital polaca, colaborou con "Time", "The New York Times" e o "Frankfurter Allgemeine Zeitung". Comezou a súa actividade literaria con trinta anos, e exerceu a docencia en varias universidades, entre elas a barcelonesa Ramón Llul, a de Cracovia, a de Silesia en Katowice, a de Gdansk e a de Wroclav, onde foi nomeado doutor honoris causa, na Fundación Novo Periodismo Iberoamericano, creada e presidida por Gabriel García Márquez, e correspondente no estranxeiro dende o 58 até o 81, cubrindo dezasete revolucións ao longo de doce países do terceiro mundo. No 2003 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades, e dous anos despois, o Premio Letterario Elsa Morante.

Entre as súas obras literarias e ensaísticas, figuran O Emperador, ambientado en Etiopía, O Sha, sobre Mohamed Reza de Irán, o derruba da Unión Soviética n'O Imperio, Ébano, que recolle reportaxes elaboradas en varios países de África, os cinco Lapidarium, na que reúne pensamentos e reportaxes, A guerra do fútbol, sobre varios conflitos en Latinoamérica e África, Os cínicos non serven para este oficio, baseado en entrevistas e conversas moderadas por Maria Nadotti, Un día máis con vida, sobre a descolonización portuguesa de Angola en 1975 e a guerra civil que desatou, Os cinco sentidos do periodista, que reúne o coñecemento impartido nos talleres da Fundación Novo Periodismo Iberoamericano, O mundo de hoxe, unha reflexión sobre a actualidade, e a última, Viaxes con Heródoto, publicada en 2006. Viaxa á India coa historia do primeiro historiador grego, Heródoto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: