Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SAN VALENTÍN, DATA POLÉMICA

Día dos Namorados... ou non

Nestas datas albíscase a primavera, casan os paxariños (o Día da Candeloria) e na antiga Roma adorábase o Eros grego (deus do amor) que eles chamaron Cupido. Concretamente, o 14 de febreiro celébrase a onomástica dun santo que casaba ás parellas baixo o ritual da Igrexa católica cando a relixión cristiá estaba perseguida: San Valentín naceu no século III e e exerceu o sacerdocio na Roma de Claudio II. Foi executado no 270, e os seus restos están hoxe en Terni (Italia), nunha basílica na que van a comprometerse as parellas que queren casar para o ano seguinte. Fóra desta festa cristiá, o mundo occidental segue varios ritos de exaltación do amor aos que uns se entregan e dos que outros foxen. Aquí van unhas recomendacións para quen queira celebrar o San Valentín... ou todo o contrario.

- 13:16 14/02/2007
Tags:

Nesta festa de exaltación do amor cristián, heterosexual, dunha parella con plans de matrimonio e orientada a crear unha familia, o mundo occidental tende, como con moitas outras celebracións, a buscar no consumismo e nos tópicos os recursos lúdicos: levar algunha prenda vermella para demostrar que se está namorado, enviar postais ou "valentinas", e, sobre todo, mercar agasallos para a parella ou a persoa amada. Isto ás veces carrexa o consumismo desaforado, sen termos en conta de onde veñen os produtos que mercamos. Neste día hai varias campañas para tomarmos conciencia.

No diario arxentino Clarín cóntannos como a febre do Día dos Namorados chega á rede: as tendas online venden flores e lencería erótica comestíbel, pero tamén presentes alternativos, como a posibilidade de rexistrar unha estrela co nome do namorado. Tamén hai recursos en liña para namorados, como poemas en varios idiomas. Non atopamos webs específicas en galego, pero podedes documentarvos cos nosos autores na Biblioteca Virtual, ou ser máis orixinais e escribirdes un de voso.

Máis extremistas son no Reino Unido, que celebra á vez o Día de San Valentín e o Día Nacional da Impotencia. Perante a alerta sobre as ventas de Viagra sen receita, as autoridades sanitarias volven advertir sobre os perigos desta medicación. E para os pouco previsores, o sitio Last Minute permite imprimir un certificado que acredita que, aínda que non haxa agasallo, a intención de mercalo existía. Se aínda vamos máis alá e queremos evitar a toda costa a celebración, a empresa Alibi Network organízanos a coartada por 35 dólares: a compañía encárgase de enviar un correo electrónico avisando dunha reunión fóra da cidade ou calquera outra escusa para fuxirmos do Día dos Namorados.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: