A efeméride da publicación do seu libro Cantares Gallegos é o Día das Nosas Letras, o 17 de maio. Pero nos últimos anos cada vez hai máis interese por celebrar o día do nacemento de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro. O mesmo día que Vieiros fai once anos, cúmprense 170 do nacemento da figura referencial da nosa literatura. Varias institucións celebran este aniversario por todo o alto.
A Fundación Rosalía de Castro comezou unha serie de actos o xoves, cunha mesa redonda no Instituto que leva o nome da poeta, en Compostela, acerca do poema 'A xustiza pola man', de Follas novas. Na casa da autora , a Matanza, en Padrón, tamén foi celebrado o venres 23 un recital colectivo do alumnado de varios centros de estudo.
Entre os actos arredor deste día, vanse publicar o poema Vente, rapasa, dentro da colección Tres pitas brancas orientada á infancia. Outra das series de publicacións do Centro de Estudos Rosalianos, que depende da Fundación, leva precisamente o título 24 de febreiro e está dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero.
Á celebración dos 170 anos do nacemento de Rosalía de Castro súmase tamén a Consellería de Cultura. Este departamento da Xunta de Galicia editará un caderniño monográfico gratuíto sobre a escritora, que se distribuirá nos centros de ensino e na Rede Pública de Bibliotecas.