Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SELECCIONADO POLO BANCO DO LIBRO DE VENEZUELA

'O armiño dorme' de Neira Cruz, entre os mellores libros xuvenís do mundo

O Banco do Libro de Venezuela acaba de facer pública a súa selección anual dos dez mellores libros xuvenís en todo o mundo. Segundo o criterio do seu lectorado e de asesores do mundo editorial e da docencia, mídese a calidade de dez obras destinadas ao público xuvenil. Nesta edición, por primeira vez, un libro galego figura entre os dez mellores: O armiño dorme, de Xosé Antonio Neira Cruz, editado por Galaxia.

- 18:41 26/02/2007
Tags:

Xa obtivera o IV Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña en 2002, e agora, esta novela de Neira Cruz figura entre os dez mellores libros destinados a mocidade do mundo. O Banco do libro escolleu esta novela entre as cinco traducións, que, xunto con outros cinco libros en castelán, integran a lista dos dez mellores na categoría de xuvenil. Por outra parte, hai unha lista dos dez mellores no ámbito da literatura infantil, e a sección "Os tres imprescindíbeis da biblioteca".

Xosé Antonio Neira Cruz (Compostela, 1968) é un dos autores de libros dirixidos a público infantil e xuvenil máis relevantes do panorama galego actual. Licenciado en Filoloxía Italiana e en Ciencias da Información, obtivo o premio Merlín en 1989 por Ó outro lado do sumidoiro, o seu primeiro libro publicado. Logo apareceron outros como Melanio e os paxaros e Os gatos de Venecia. Gañou en dúas ocasións o premio Barco de Vapor con Valdemuller e Os ollos do Tangaleirón. Entre a súa produción destacan outros títulos como O armiño dorme, A memoria das árbores e O xenio do sultán. Actualmente é responsábel das coleccións infantil e xuvenil de Editorial Galaxia.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: