O ano pasado levouno Gales, e en 2006 o torneo máis carismático do rugbi internacional, o Seis Nacións, foi parar ás arcas galas. Os franceses debían vencer precisamente os galeses, e fixérono, se ben cun resultado demasiado axustado. A Triple Coroa, que recompensa a primeira selección non continental, foi para Irlanda, que debía vencer a Inglaterra por máis de 33 puntos para optar ao trofeo xeral. Non lle chegou, anque venceu a Inglaterra (24-28), abrindo aínda máis a ferida da selección das dúas rosas, afastada dende hai demasiado tempo do cumio do trofeo. Nesta ocasión, a culler de pau que se lle outorga á selección que perda os cinco partidos quedou gardada, posto que Italia, sexta clasificada, empatara contra Gales. En categoría feminina, o Seis Nacións levouno Inglaterra. A selección española, onde xoga a lalinense Rocío García, perdeu os cinco encontros e engade unha culler ao palmarés.